El tiempo
jueves. 07.07.2022
El tiempo

Empecen por Grimal

Pierre Grimal. EP
Pierre Grimal. EP

HABÍA UNHA vez un mozo que non ía a clase de Matemáticas. Había unha biblioteca de instituto sen moita vixilancia. E había un libro de cor amarelo ovo que chamaba poderosamente a atención por se atopar á altura dos ollos. Recoñéceo calquera estudante de Clásicas: é a edición española do dicionario de mitoloxía de Pierre Grimal. Ao lado, as Metamorfoses de Ovidio. Collino e enchoupeime del, ata hoxe.

Grimal, o grande historiador de Roma na cultura francesa, responsábel de edicións fenomenais en La Pléiade, reaparece agora nas librarías españolas —case que trinta anos despois do seu pasamento— como coordinador e autor parcial de La formación del Imperio Romano. Publica Siglo XXI, editorial que conta cun dos mellores catálogos en temas de Historia e, en especial, cunha serie de obras moi complicadas de conseguir mesmo nos seus idiomas orixinais.

E é que estamos aquí perante a reedición dun clásico, o terceiro tomo de O mundo mediterráneo na Idade Antiga, unha serie en catro volumes incluída á súa vez na xigantesca ‘Historia universal’ proxectada e publicada pola editorial alemá Fischer, de Frankfurt, entre os anos 60 e 70, e esgotada, que eu saiba, nas linguas nas que orixinalmente chegou ao prelo. Dito doutro xeito, unha alfaia.

Iso si, ás veces as alfaias teñen as súas eivas e este é o caso. En primeiro lugar, quizais a editorial debese advertir ao lector sobre estes asuntos, xa que calquera libro de Historia recibe parte do seu valor do feito de conter información máis ou menos actualizada. En segundo lugar, a edición contén as notas a rodapé e a bibliografía do orixinal. Por máis que a intención sexa boa, resulta algo absurdo posto que é absolutamente imposíbel para un non especialista —e moi difícil para o douto— consultar os libros citados polos autores, non digamos os artigos de revistas dos anos 30 ou 50 do século pasado. Por último, o feito de que a obra estivese orixinalmente destinada aos mercados alemán e francés fai que os mundos non romanos destes dous países reciban unha atención esaxerada que ao lector español interesa pouco ou nada.

O lector experto poderá acusarme —ou a Grimal— de populismo ou, para non usar un termo anacrónico, de defensor dos demagogos.

E a pesares de todo a lectura paga a pena para lembrar os alicerces mesmos da nosa cultura. Polas páxinas de Grimal e os historiadores que el coordinou desfilan dende Aníbal, xa fuxido camiño do exilio oriental, até Augusto, fundador da cidade de Lugo. E unha xeira de personaxes históricos e polémicos, protagonistas da sanguenta caída da República romana, dos que non sempre se fala dende o discurso hexemónico. Grimal fai caso aos libelos de Cicerón e, sobre todo, de Salustio, sobre o pobre Catilina —véxase o discurso deste que comeza: "Se eu non coñecese o voso valor e lealdade..."— pero non, por exemplo, ás críticas que os poderosos dirixiron durante séculos aos Gracos ou César —presentado este coma un tirano fronte a Bruto, campión da República—.

O lector experto poderá acusarme —ou a Grimal— de populismo ou, para non usar un termo anacrónico, de defensor dos demagogos. Acontece que un bo xeito de analizar o noso presente e os discursos que nel aparecen é recorrer ao pasado, en ocasións a un pasado tan remoto... porque xa naqueles tempos existían unha estrutura social que separaba ao pobo da oligarquía e a necesidade de distinguir ao simple incendiario do fondo crítico das estruturas sociais inxustas. Empecen por Grimal e sigan con outros clásicos: recibirán unha enorme recompensa.

Empecen por Grimal
Comentarios