El tiempo
martes. 05.07.2022
El tiempo

Encher os zapatos

HAI TRES meses finou Darío Xohán Cabana. Como esta é unha páxina de crítica literaria e non de información non houbo lugar a unha homenaxe ben merecida que si pode ter lugar arestora, xa que entre o seu legado inmenso atopamos unha novidade nas librarías, Xácome o fatalista, tradución da inmortal novela do ilustrado francés Denis Diderot.

Decote os tradutores, e falo por experiencia propia, son pouco máis ca unha nota na portada dos libros. Porén nun caso coma este non pode ocorrer tal cousa. Coma tantos outros mozos eu tamén medrei coa obra de Darío —permitirásenos esta familiaridade cun descoñecido, do mesmo xeito que un Celso Emilio abreviara o Castelao en Daniel nun inmortal poema—, primeiro co Galván en Saor e despois coa súa poesía.

E aínda que valore novelas e poemas, penso que a meirande aportación que fixo á cultura galega son as súas traducións: Dante, Petrarca, os trobadores... Unha xigantesca tarefa de difusión cultural e de creación de modelos de linguaxe con autores que dende hai séculos forman o alicerce da escrita europea. E pregúntome, en ausencia de Darío, se os máis novos seremos capaces de, como dirían os ingleses, enchérmonos eses zapatos e mirar cara Montaigne, Proust ou Shakespeare —por citármonos tres e sen excluír outros e outras moitas—.

Non se atopa Diderot a esas mesmas alturas literarias, mais si culturais. Vivimos tempos convulsos en canto ao coñecemento e non está de máis reivindicar a Ilustración, as ‘Luces’ que nos poden permitir fuxir das tebras. Diderot foi o pai da Encyclopedie, a base do saber científico e técnico e da liberdade, a igualdade e a fraternidade que transformarían o mundo unhas décadas despois. Tamén foi a ponte entre os ilustrados máis coñecidos, coma Voltaire, e os que Onfray bautizou hai non moito coma "os ultras das Luces". Nada hai en Diderot de deísmo e compromiso con certas ideas retrógradas e si de ateísmo e progreso.

Só alguén cun oído tan fino coma Darío podía afrontar unha tarefa coma esta e non só saír indemne senón crear un clásico

O Xácome é quizais a mellor novela longa da Ilustración francesa —convén sinalar o de "longa" porque sería imposíbel competir co Cándido de Voltaire nunha categoría máis xeral—. Porén, non bebe tanto das ideas reformistas dun Rousseau coma da picaresca española que chegara a Francia a través de Lesage e, sobre todo, do Tristram Shandy de Sterne. Diderot declara a súa débeda co mestre irlandés e aínda que non o fixese tanto daría, xa que só desa fonte podía saír un relato cheo de interrupcións e digresións até o punto de cansar e ás veces despistar ao pobre lector.

Que achega Darío Xohán Cabana que non puidese ofrecer outro tradutor? O sabor da lingua en todas as súas variantes. A pesares de ser unha novela, Diderot elixiu facela dialogada, co que a falla dun tradutor ao trasladar a axilidade da conversa podería levar a un verdadeiro fracaso. Ademais, o francés de quen fora bibliotecario de Catalina II de Rusia oscila nesta obra, dada a presenza protagonista dun amo e un escravo e secundaria de personaxes como A Pousadeira ou Madame de la Pommeraye, entre un estilo culto e un popular. Só alguén cun oído tan fino coma Darío podía afrontar unha tarefa coma esta e non só saír indemne senón crear un clásico que, se se desen as circunstancias axeitadas, podería abrir camiño á chegada ao galego de libros similares. E por iso é lexítima a dúbida sobre o noso valor e existe a confianza de que poderemos ser ananos a ombreiros de xigantes.

Encher os zapatos
Comentarios