Opinión

Espartaco negro

Camiño polo Panteón de Francia. Non me gusta informarme antes nin usar guías, prefiro as sorpresas.
Toussaint Louverture. EP
photo_camera Toussaint Louverture. EP

Todo o lugar, antes a igrexa de santa Xenoveva, aparece alumeado dunha sinistra cor vermella porque hai unha exposición dedicada aos heroes dos cartaces desa cor, heroes da Resistencia contra os nazis. Na cripta XVI explícolle a Daniel a presenza alí de Jean Jaurès, mártir socialista da Primeira Guerra Mundial denantes sequera de que se disparase o primeiro tiro. Cando saímos miro cara a dereita, río en baixo e paso a me enfadar.

Unha inscrición aparece na parede que se atopa á miña dereita. Traduzo para a familia: "Á memoria de Toussaint Louverture, combatente pola liberdade, artífice da abolición da escravitude, heroe haitiano morto tras a súa deportación a Fort-de-Joux en 1803". Explico que os franceses son os meus ídolos: só eles poden chamar heroe a un tipo ao que lle fixeron a guerra, deportaron e mataron para despois converter a terra pola que tanto loitou nun dos lugares máis miserentos do planeta Terra.

Relata a historia de Toussaint nunha poderosa biografía o historiador Sudhir Hazareesingh, con quen, por certo, acadamos o máximo rexistro exótico en canto a xeografía desta columna: dubido que teñamos de novo a oportunidade de reseñar un autor nacido en Mauricio, pequeno estado insular situado ao norte e leste de Madagascar. Formado en Gran Bretaña e profesor en Oxford, Hazareesingh vén avalado nesta obra, que edita Ático de los Libros, polo seu triunfo no prestixioso premio Wolfson.

A figura de Toussaint e a historia de Haití exercen dende hai décadas unha poderosa influencia entre historiadores e escritores: resulta difícil superar o valor artístico de Os xacobinos negros de C.L.R. James e, sobre todo, de El reino de este mundo de Alejo Carpentier. Hazareesingh nin sequera fai o intento, mais suple esa carencia narrativa e artística coa práctica da historia máis rigorosa, baseada na utilización extensa de documentos —en especial, a correspondencia do protagonista— e na análise das posíbeis causas das súas actuacións e as consecuencias das mesmas.

Poderíase dicir que El Espartaco negro —a referencia ao escravo que se rebelou contra Roma era case que inevitábel— consiste en realidade en dúas historias: unha bélica e outra política, organizadas e distribuídas de xeito equilibrado. Na primeira o autor céntrase en como Toussaint recolleu o lume de revoltas como a de Mackandal e organizou un exército que lle permitiu destruír o réxime colonial e escravista dos franceses —coa inestimábel axuda da natureza e do contexto histórico, xa que ingleses, estadounidenses e, sobre todo, españois colaboraron no asunto—.

Na segunda, a máis apaixonante, vemos o Toussaint gobernante sen indulxencia: os seus equilibrios para conciliar xacobinismo e loita por uns dereitos dos negros que este negaba; a súa tarefa constitucional, nai de boa parte dos problemas da futura República de Haití —a forma establecida de sucesión do mesmo Toussaint, por exemplo, era unha ‘procura do tesouro’—; a resistencia á invasión de Leclerc, cuñado de Napoleón, derrotado pola malaria e a febre amarela; e os conflitos cos seus subordinados, que levaron á —velada— traizón de Dessalines, quen declarou finalmente a independencia da colonia de Saint-Domingue, convertida agora en Haití.

Se temos que poñer unha chata ao traballo de Hazareesingh, habería que sinalar a precipitación narrativa coa que chega o final de Toussaint, de quen apenas se nos conta nada no seu encerro no leste de Francia, preto da fronteira suíza. Porén, esta tacha non impide que consideremos Espartaco negro unha das mellores biografías da temporada e un libro senlleiro sobre un personaxe e un país pioneiros na procura das verdadeiras liberdades e a loita contra toda opresión.

Comentarios