viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Falar do tempo

Lluvia.
Lluvia.

EN DOS deportes universais é falar do tempo, feito que mesmo recibiu atención científica por parte dos lingüistas. Segundo certos especialistas en pragmática, o clima é un deses temas que serven para que os descoñecidos rachen as barreiras existentes entre eles e comecen a establecer unhas normas básicas de cortesía comunicativa. Agora, ademais, o cambio climático forma parte da axenda política e mesmo é escenario dos debates propios das fendas xeracionais: Ía máis calor antes? Chovía máis? Agora non neva coma antes? A resposta a estas e outras preguntas, dende o punto de vista histórico e técnico, podémola atopar na monumental ‘Historia humana y comparada del clima’ de Emmanuel Le Roy Ladurie, o último grande historiador da Escola dos Annales. Reeditou hai pouco o Fondo de Cultura Económica nun só tomo a obra orixinal en tres, para comodidade dos críticos amantes dos mamotretos.

Denantes de entrar en materia precisamos facer un excurso estilístico sobre Le Roy Ladurie: é un historiador heterodoxo, que non dubida en usar exclamacións, chamadas de atención ao lector e esaxeracións. O seu estilo é dinámico e contrasta poderosamente cun Braudel ou un Fevre. E isto do estilo ten o seu aquel xa que, como falaba esta semana cun bo amigo e intelectual de recoñecido prestixio, no eido da historia xa só se pode escribir como os franceses ou contra os franceses... e isto último pedindo escusas.

A tese de Le Roy Ladurie é tan sinxela de expoñer como difícil de constatar cientificamente: na historia o clima afectou á agricultura, ás colleitas de trigo e a produción de viño... pero non se tratou dun efecto illado no terreo do agrícola senón que xogou un papel fundamental en revolucións, guerras e todo tipo de movementos sociais. Pode parecer unha tese obvia, máis cando un lembra as peticións de pan que se facían durante as revolucións francesa e bolchevique, pero a análise do autor expándea ata abarcar boa parte dos sucesos que marcaron as sociedades occidentais dende a Idade Media.

O éxito do historiador francés dificilmente se pode negar. Cunha análise fonda das vendimas —sobre todo as da cidade de Dijon, que contan con rexistros continuados dende hai séculos—, os prezos do trigo en diferentes mercados do país galo e as evolucións dos glaciares suízos consegue debuxar o mapa das diferentes fases climáticas que viviu Europa dende o Medievo e, dende unha perspectiva de actualidade, constatar a existencia dun quecemento gradual e global que en 2003 chegou a facer do clima un fenómeno mortal despois de moitas décadas: xa se acepta na literatura científica que en só doce días de agosto daquel ano morreron en Francia unhas 15.000 persoas por causas directamente relacionadas coas altas temperaturas.

Dentro do tema da obra merecen especial recomendación os capítulos dedicados ás grandes catástrofes. Non se trata dunha cuestión morbosa: a prosa de Le Roy Ladurie escintila nas descricións do drama, das circunstancias que o ser humano non pode controlar pola súa desmesura: o fungo phytophthora que provocou a ‘An Gorta Mór’ en Irlanda, a erupción do Tambora que trouxo o ano sen verán de 1816 —e o ‘Frankenstein’ de Mary Shelley, como xa lles contou Marta Veiga por aquí— ou a desaparición das manchas solares durante o reinado de Luís XIV —o Rei Sol, por ironías da vida—, orixe do ‘Mínimo de Maunder’, a fase máis crúa segundo os historiadores do que se coñece como a Pequena Idade de Xeo.

E todo isto está moi ben... pero non deixen de falar cos veciños sobre se tivemos un bo ou un mal verán. Aínda que só sexa por cortesía lingüística.

Historia humana y comparada del clima

Emmanuel Le Roy Ladurie
Editorial Fondo de Cultura Económica
Páxinas 1.087
Prezo 28, 00 €

 

Falar do tempo
Comentarios