Flores que han murchar

Tumba de Castelao /AEP
No século XVI Thomas More creou o reino de Utopía e deu con el nome a un subxénero literario e filosófico que, dende entón, tivo milleiros de seguidores. No século XX e XXI proliferaron os programas políticos con feitura de manifesto ou ensaio que propuñan fondos cambios na sociedade —estou a pensar, por non nos ir aos textos marxistas, en obras coma o Informe Lugano de Susan George—. Algo tiveron en común todos eles: fracasaron por simple falta de aplicación.

NO SÉCULO XVI Thomas More creou o reino de Utopía e deu con el nome a un subxénero literario e filosófico que, dende entón, tivo milleiros de seguidores. No século XX e XXI proliferaron os programas políticos con feitura de manifesto ou ensaio que propuñan fondos cambios na sociedade —estou a pensar, por non nos ir aos textos marxistas, en obras coma o Informe Lugano de Susan George—. Algo tiveron en común todos eles: fracasaron por simple falta de aplicación.

E é que as boas ideas sobre a ética humanista, a economía ou a ecoloxía non son nada, ou son moi pouco, se quen as posúe non posúe tamén o goberno e, alén disto, o poder político para levar a cabo fondas reformas que rachen coas poderosas estruturas do capitalismo. Todas estas son ideas que suxire o ensaio programático —de moi lírico título, por certo— Feixe de flores para Galicia, de Xosé Luís Outes Ruso, prestixioso catedrático de Economía da Universidade de Vigo.

Sería unha temeridade que un lego coma quen isto escribe entrase a xulgar o fondo das ideas de Outes Ruso. Aínda no suposto de estar en desacordo con elas —non é o caso, en absoluto, e tal hai que declarar polo ben da obxectividade na crítica—, sería case imposíbel rebatelas, posto que nas primeiras noventa páxinas o autor realiza unha análise de enorme profundidade das eivas do capitalismo na época do neoconservadorismo, expresadas na xa famosa cita do multimillonario Warren Buffett: "Isto é unha loita de clases. E a miña clase está facendo a guerra e imos gañando". Os datos aparecen acompañados dunha boa cantidade de gráficas que axudarán ao lector menos especializado a seguir o argumento.

Tampouco tería sentido xulgar intelectualmente as propostas que se fan arranxar as feblezas e suprimir as ameazas ao sistema capitalista no caso particular da Galiza: unha banca pública, empresas públicas para o aproveitamento da biomasa e o poderoso sector naval, aposta polo coñecemento científico e as inversións en I+D+I, arranxo de problemas específicos na educación ou a vivenda e esforzo por suprimir o descenso demográfico —só ousaremos dicir que isto último non semella estar dentro das posibilidades deste país nin doutros moitos dunha Europa cada vez máis envellecida—.

E todo isto é así porque vivimos nunha democracia habilmente mesturada, a nivel mundial, cunha oligarquía representada polos consensos de Davos. As ideas de Outes Ruso e outros coma el, léase un Thomas Piketty que xa pasou hai anos por estas mesmas páxinas, admítense e mesmo acéptanse como certas no terreo intelectual, onde o papel terma de todo... e rexéitanse por completo na area política, xa non só por parte daqueles que, lexitima pero irracionalmente, están en contra delas —sería de necios negar que moitos disenten, por convencemento ou interese, dos postulados deste economista–, senón tamén por parte daqueles que as apoian cando están na oposición e axiña as traizoan cando chegan ao poder. Ou peor aínda, aqueles que se ven na obriga de traizoalas para non rematar no lixo na Historia –Tsipras na memoria—.

Xa que logo, temos que recoñecer a intelixencia de Outes Ruso e a solvencia das súas ideas e asemade afirmar que, sen unha fonda transformación de políticas e mentalidades, que non semella no camiño de se producir, son de imposíbel aplicación tanto na Galiza coma en España e no marco da actual Unión Europea. O que non quita para que se trate dunha interesante lectura e unha proposta sobre a que reflexionar e tentar construír, en calquera caso, unha sociedade mellor.