Opinión

Futuros inciertos

Konrad Adeanuer
photo_camera Konrad Adeanuer

EU NON SON politólogo nin especialista en calquera eido que teña que ver coa Política, mais, como cidadán, si podo apreciar que o espazo da dereita en Occidente se está a reconfigurar. Á dereita das forzas tradicionais —liberais, demócratacristiás e conservadoras— apareceu o monstro da ultradereita, coa defensa da desigualdade, racista e homófobo. Que facer con el? Manter un discurso propio e deixalo fóra dos espazos democráticos? Ou asumir unha parte do seu discurso e tentar quedar con parte dos seus votos?


Un agardaría nun libro que se titula El futuro del centro-derecha en Europa, coordinado por Ángel Rivero e Edurne Uriarte en Tecnos, respostas a estas complexísimas cuestións. Por desgraza, é imposíbel atopalas. A obra está dividida en dez capítulos dedicados a cadanseu país e en ningún deles se dedica máis dun par de páxinas ao que pode ocorrer dende 2023, algo que resulta curioso se temos en conta que si se acepta a premisa de partida: a dereita europea está en crise.


Quizais unha das razóns estea no motor da obra. Edurne Uriarte, que non só actúa como coordinadora senón que escribe o capítulo dedicado a España e a conclusión e colabora na introdución, ten unha traxectoria profesional tan indiscutíbel como obvia son as súas posicións políticas dentro do taboleiro español. Deputada do Partido Popular e habitual de faladoiros ultras, representa intelectualmente a unha parte desta forza que é partidaria de chegar a acordos coa ultradereita —á que non considera ultra, por suposto, senón populista—.


A grande forza do libro non se atopa, polo tanto, na análise do futuro senón na súa capacidade para tirar unha foto fixa da situación actual da dereita europea e como se chegou ata este punto. Todos os autores amosan fondos coñecementos da historia e a socioloxía política de posguerra e traballan a fondo tanto os datos electorais coma os sociolóxicos. Resulta de interese particular a pescuda sobre as correlacións entre clase social, idade e nivel educativo nos resultados electorais en cada un dos países.


As razóns da crise son sinxelas de ver se se atende a estes números: o centro-dereita, en xeral, e tal como constatan os autores, recibe o apoio do electorado de máis idade, máis rural e con máis ingresos... pero non capta votos que poderían ser seus noutros estratos, xa que eses sufraxios van aos ultras. Mención aparte merece o capítulo dedicado a Hungría, no que o autor se esforza en presentar o partido de Viktor Orbán coma un membro máis da familia popular —só polo feito de que nestes anos agromaron opcións aínda peores—. Fracasa, como non podía ser doutro xeito, e acaba por demostrar a perigosa deriva de certa parte da dereita europea, afastada de calquera concepto de liberdade por moito que usen e abusen da palabra.


Na conclusión a profesora Uriarte sinala un último problema para as dereitas europeas: a tolerancia dos discursos públicos co comunismo e o que ela considera ideas radicais de esquerda. Habería que aplicar aquí o meme das redes sociais: Amiga, date cuenta. Pode ser que as nosas sociedades estean formadas por unha intelectualidade comunista que pasa o día a lembrar a Stalin... ou tamén é posíbel que as que se denominan ideas radicais de esquerdas en realidade non o sexan tanto e que o desprazamento cara a dereita de certos sectores políticos estea a converter aos liberais en esquerdistas e aos esquerdistas en perigosos comunistas defensores da ditadura do proletariado. E que de aí veña a incerteza do seu futuro.

Comentarios