Opinión

Irreformábel

carneiros

ALGÚNS LIBROS nacen bieitos polo don da oportunidade. É o caso de España: la historia de una frustración, breve ensaio sobre os múltiplos problemas de España escrito por Josep Colomer, un coñecido politólogo catalán cunha traxectoria científica dilatada e admirábel. Dubido moito que Anagrama, o selo que o edita, tivese previsto que xusto nas semanas do lanzamento os xuíces da Gürtel e os partidos políticos se puxesen de acordo para facer voar ao presidente do goberno —metaforicamente falando—. 

O caso é que sucedeu e a obra toma unha dimensión nova segundo quen sexa o lector. Para o esquerdista é un manifesto sobre a España irreformábel, un proxecto común fracasado que non ten pinta de se arranxar axiña; para o dereitista será un panfleto da antiEspaña que afonda nos mitos da Lenda Negra, esa que toda a Brunete mediático-editorial tenta desmontar en tempos nos que envolverse na bandeira dá grandes resultados.

O principal atranco para estes últimos é que a mestura de datos, análise histórica e situación actual que fai o profesor Colomer e dificilmente contestábel. Poderíase dicir que a petición de principio que sostén a argumentación é capciosa —"Cando se frustrou España?", imitación educada da famosa "¿Cuándo se jodió el Perú?" de Vargas Llosa—, pero tardamos poucas páxinas en quedar sepultados por unha avalancha de datos e afirmacións historicamente evidentes.

O resumo do autor no limiar esmaga ao lector conformista: un Imperio ruinoso —unha nación anana na procura de conquistar un continente, incapaz de xestionar a riqueza—, fixo un Estado feble —no que tende a dominar a corrupción e a consciente substitución dos capaces polos incapaces—, o que levou a unha Nación incompleta —a forma máis sinxela de convencer a quen é diferente é polo peto e a honradez— que arestora suxeita máis mal que ben unha democracia minoritaria— na que o desinterese na política tradicional pode levar en calquera intre á aparición de solucións radicais —que neste país son sempre de ultradereita, engado—.

Os nacionalistas periféricos quedan retratados como españois ao seu pesar

Feito este diagnóstico, Colomer pasa a desenvolver a fondo cada unha das frustracións de España, o que deixa unha clara estrutura en catro capítulos. As referencias a expertos en ciencia política, historiadores e economistas son continuas, pero insírense no texto e non en notas ao pé, o que dá unha grande axilidade á lectura. Queda clara a grande formación do autor, que sempre atopa o mellor reforzo ás súas ideas. Faio, ademais, sobre investigacións actuais, marca que o distingue dos revisionistas, sempre dispostos a citar escuros documentos antigos pouco fiábeis. A pesares de todo isto, non debería o lector pensar que estamos ante unha obra tendenciosa cara a esquerda, xa que esta recibe a súa dose de paus pola súa capacidade de perpetuar un sistema inxusto arestora e pola súa incapacidade -quizais xustificada, iso si- para construír unha alternativa de progreso ao goberno de caciques e espadóns. Tampouco quedan libres os nacionalistas periféricos, que polo seu modo de actuar quedan retratados como españois ao seu pesar —ben por orixe, ben por influencia... escollan vostedes—.

Hai un horizonte de esperanza? Colomer rematou o seu libro antes da chegada de Pedro Sánchez ao Goberno... mais intúo que a reforma pode acabar como a de 1978, con alguén entrando dende a Moncloa cun papel intocábel e botando abaixo o progreso en nome dunha entelequia. Polo de agora, sentemos e agardemos as novidades que nos traerá, no eido da Cultura un ministro que, como demostrou o meu colega Chapela, nin sequera sabe poñer as comas no seu sitio.

Comentarios