Opinión

Labirintos económicos

COMO XA levamos con esta columna máis dunha década, sabemos que o mundo do ensaio en español tamén ten as súas modas, estreitamente relacionadas con certos sucesos. Lembro o 2011 como o ano da Grande Recesión, o 2014 como o ano da Primeira Guerra Mundial e, coma vostedes, o 2020 coma o ano da Pandemia. Polo tanto, non me custa ver que 2022, se non ocorre nada estraño, volverá ser un ano de Ciencias Económicas.

E é que o coronavirus modificou a nosa vida en moitos aspectos, mais un fundamental foi o das economía internacional e estatal, que ao cabo a todos afecta. Unha análise desta revolución lévana a cabo os economistas galegos Xosé Carlos Arias e Antón Costas —este coñecido polo papel no Consello de Estado e a relevancia nos círculos económicos cataláns— en Laberintos de la prosperidad, libro breve e de proposta urxente editado por Galaxia Gutenberg.

Ata hai moi pouco defender unha renda básica universal, a meirande importancia dos asuntos medioambientais no socioeconómico, a suba dos salarios mínimos, os impostos globais ás grandes corporacións ou a importancia da desigualdade e do seu combate por parte dos estados situábao a un, en termos comprensíbeis para o lector galego e español, coma bolivariano ou comunista. Non ocorría só en España, por suposto, senón que era o froito sementado pola Escola de Chicago e os seus poderosos aliados dos 80, Reagan e Thatcher.

E de súpeto, como ben describen Arias e Costas, as propostas "radicais" pasaron a se asumir con total naturalidade por actores nada sospeitosos de ter saudade soviética coma o Foro de Davos ou o Banco Central Europeo. É evidente que existe unha dobre transición, tecnolóxica e medioambiental, que nos levará sen dúbida a unha nova prosperidade, pero por un camiño cuxos perigos aínda non chegamos a albiscar sequera.

Nunha primeira parte os autores proporcionan a análise e os razoamentos económicos que se atopan detrás do fracaso do "capitalismo dos accionistas" e a emerxencia de novas formas unha vez rematado o grande peche da primavera de 2020. O relato sempre mantén un ton divulgativo e entretido, pero nesas primeiras páxinas aparecen referencias a unha literatura novidosa no terreo económico que poden asustar ao lector casual.

A resposta pódese atopar no concepto de «malestar», ben analizado por eles e que se basea na perda de estatus de certos grupos sociais, habilmente aproveitada polo populismo ultra

Na segunda parte do ensaio, dedicada á economía política, escintila verdadeiramente o talento dos autores, que afrontan un paradoxo: se ao triunfo académico das solucións económicas "de esquerdas" está a suceder un triunfo das mesmas no mundo real... por que a dereita radical semella estar ao borde de grandes éxitos electorais? 

A resposta pódese atopar no concepto de "malestar", ben analizado por eles e que se basea na perda de estatus de certos grupos sociais, habilmente aproveitada polo populismo ultra; e tamén, e quizais isto sexa o máis preocupante a curto prazo, nunha clara inconsistencia das preferencias sociais, políticas e electorais que é típica dos períodos de convulsión. E outra cousa non teremos, mais transformación e alteracións do noso panorama cotián... si.

Sexa correcta ou non a súa análise, algo que só o tempo dirá, non podemos menos que destacar as moitas suxestións que deixa o libro, algo pouco común en obras de economía, mesmo cando están escritas para un grande público, como sucede coas de Piketty ou Acemoglu e Robinson (Por que fracasan os países?). Para comprender a estes autores que vimos de citar o lector precisa tempo e unha formación especializada. Porén, Costa e Arias usaron a súa experiencia en prensa para resultar accesíbeis e elixiron o molde axeitado a custa de, quizais, resultar menos interesantes para os seus colegas de profesión. O éxito nas librarías debería compensalos.