El tiempo
miércoles. 29.03.2023
El tiempo

Lembranzas da cidade

POR COINCIDENCIA de Dewey, o creador dun dos sistemas de clasificación bibliotecaria máis famosos e o escollido por min para organizar a cada vez máis pantagruélica colección de volumes, teño detrás permanentemente La ciudad en la historia, de Lewis Mumford. Publicouno hai anos a editorial Pepitas de Calabaza e dei con el grazas ao eslogan do selo: "Una editorial con menos proyección que un Cinexín". Tan mal non lles foi ao cabo, xa que veñen de publicar o volume xemelgo, La cultura de las ciudades.

Mumford publicou esta obra nos anos 30 do século XX e resulta sorprendente a súa actualidade. Foi unha época convulsa, na que os historiadores, polos vieiros do positivismo e o marxismo, trataron de atopar as leis que rexían o pasado para facer previsións de cara ao futuro e na que se decataron da necesidade da historia mundial. O resultado estivo entre verdadeiros panfletos absurdos —A decadencia de Occidente de Spengler foi o máis coñecido— e obras monumentais que arestora non le ninguén a pesares do seu obvio valor (Estudo da Historia de Arnold Toynbee). Mumford consegue evitar o esquecemento arrimándose ao próximos, aos diferentes estratos que forman a cidade europea e á innovación que supuxo a cidade estadounidense e que podemos comprobar en obras recentes de gran calidade publicadas nos Estados Unidos coma A Greater Gotham.

Para seguir a Mumford un galego —e un lucense en particular— só ten que seguir as pegadas da historia na súa cidade. O centro de Lugo amosa a conversión da cidade antiga na cidade medieval, coas súas vivendas pequenas pegadas e as hortas que permitían a subsistencia polo medio. As calellas de Compostela son un exemplo dun Medievo no que o rural deixou unha menor pegada. E cando saímos dos cascos históricos atopamos a cidade que pasou por riba dos suburbios industriais e cuxa conversión en megalópole quedou frustrada polas migracións, as guerras e demais.

Se queremos saber máis da cidade moderna non temos que saír da cultura galega, xa que Darío Villanueva ten publicados varios libros sobre a configuración cultural da mesma e o seu reflexo na literatura. Á cidade dickensiana, a dos pícaros, o tifo e o amoreamento de familias enteiras en cuartos de mala morte —literalmente— seguiron o Nova York de Juan Ramón Jiménez e Lorca ou a Mitteleuropa de Vicente Risco. De novo con Mumford como referencia imprescindíbel, nos últimos anos popularizá- ronse as biografías das cidades que si completaron o ciclo: o Londres de Peter Ackroyd ou o Berlín de Alexandra Richie. En España a furia pola novela histórica converteu Barcelona en personaxe dalgunha obra de mérito.

As reflexións de Mumford acadan o seu cumio en dous eidos ben diferentes. O primeiro, o dunha reflexión política que anticipa o fascismo dos anos 30 e que el relaciona co espazo urbano e a súa capacidade para dar acubillo a todo movemento subterráneo —lembremos Os miserábeis de Víctor Hugo—. O segundo a descrición da megalópole, ese paso que —por fortuna— moitas cidades nin deron nin darán. Aínda que non é marxista, non é difícil recoñecer nel a pegada do concepto de alienación, o diabólico rastro dun proceso que converte ao individuo en peza dun formigueiro xigantesco e intimamente relacionado co capitalismo salvaxe. O contraste a estas formas de vida alienadas vén pola exaltación da ‘Middletown’ estadounidense, a cidade de espazos mairores e certa humanidade que tomaría como modelo Jane Jacobs para unhas obras que deberían estar no cabeceiro de calquera alcaldesa ou concelleiro de Urbanismo esmagando os sobres e os proxectos sen sentido.

Lembranzas da cidade
Comentarios