Liberdade en positivo
Como xa lles teño contado, dentro dos meus pecados adolescentes está ser fan de Andrés Calamaro, algo que agora espanta aos meus amigos máis novos. Ten o roqueiro arxentino unha coñecida canción sobre a liberdade... pero, quizais, a súa mellor frase, a que a min máis me suxeriu, foi aquela que di que "a vida é un cárcere coas portas abertas".
Así andabamos coa liberdade a principios dos 2000, pero o asunto foi a peor. Non hai concepto máis manipulado nos últimos anos, en España en particular, ca ese. É o resultado dun proceso filosófico que analiza Timothy Snyder, coñecido autor do best seller histórico Tierras de sangre —sobre os países que quedaron atrapados entre as barbaries nazi e estalinista—, no seu debut no eido da Filosofía, Sobre la libertad. A obra de Snyder, un dos grandes éxitos da temporada ensaística do outono, chega da man de Galaxia Gutenberg, a súa editorial de cabeceira en España.
A culpa deste troco na visión da liberdade é dun filósofo en concreto, contra quen carga Snyder dende o principio. Non é outro que Isaiah Berlin, quen no ensaio Dous conceptos de liberdade, de 1958, estableceu o concepto de liberdade negativa, é dicir, a idea de que a liberdade consiste só en erguer aquelas barreiras que impiden ao ser humano facer o que desexe, xa que o sentidiño de cada un abondará para o uso correcto desa liberdade —escusen a simplificación de conceptos complexos, que tamén practica Snyder, por suposto—.
A Berlin adoptouno primeiro a dereita e adóptano agora a ultradereita e os putinistas. Isto supón un incentivo adicional para o autor, que é internacionalmente coñecido polo seu apoio á causa ucraína e tamén polas súas posicións progresistas dentro de Estados Unidos, na á esquerda —moi esquerda, por influencia do espectro político europeo, no que desenvolveu boa parte da súa actividade— do partido demócrata.
A posición de Snyder non é para nada orixinal: a liberdade non pode ser simplemente negativa porque non abonda con retirar as barreiras externas. É inxenuo pensar que se deixamos o camiño expedito seremos libres por defecto. Non podemos aceptar a entrega de certa parcela de liberdade a cambio da nosa seguridade, porque debemos gozar amplamente das dúas. O capitalismo a esgalla non aumenta a nosa liberdade senón a nosa sensación de liberdade.
Soberanía, impresivibilidade, obxectividade
Si resulta máis novidosa a idea de que a liberdade pode descompoñerse en cinco propiedades: soberanía, imprevisibilidade, mobilidade, obxectividade e solidariedade. Cada unha delas recibe a atención nun capítulo e a conclusión queda para un apartado sobre os gobernos, o que poderiamos considerar un pequeno ensaio sobre a liberdade e a res publica no século XXI. Terán que escusar que nun artigo desta clase non se definan por extenso estes termos e fiarse do crítico: o rigor e profundidade de Snyder nas definicións fan pensar que o seu paso á filosofía non será provisional.
É un tópico dicir que vivimos tempos escuros, mais é unha realidade. A obra de Snyder non é un canto ao optimismo e, nin sequera, abrangue o triunfo de Donald Trump —o libro, quizais, tería que ter saído simultaneamente en varias linguas—, a confirmación dos crimes contra a humanidade en Gaza ou o ascenso da ultradereita en distintos países europeos. Ensaios coma este son un facho que alumea un camiño diferente, ao que probablemente nos custe chegar como sociedade, pero que temos que afrontar con esperanza para deixar un mundo mellor as xeracións por vir dende este mesmo 2025.