Opinión

Lírica á marxe

Antón Tovar
photo_camera Antón Tovar. EP

Agora que a campaña para a concesión do Día das Letras Galegas a Luísa Villalta, na que nós mesmos participamos cun entusiasmo que a edición da súa poesía completa merecía, rematou con éxito —un triunfo que agardemos poda repetirse durante todo este ano— podemos comezar novas promocións. Persoalmente creo que o seguinte homenaxeado debería ser Camilo Gonsar e que, en xeral, a novela está infrarrepresentada na celebración. 

Porén, o finalista para o Día deste ano —segundo informan as crónicas— foi o poeta Antón Tovar, cuxa candidatura leva tempo sobre a mesa e, con ou sen campaña, todo indica que axiña chegará o seu momento. Preparados para o acontecemento están o Museo da Limia e a Editorial Xerais, que veñen de editar unha xenerosa Antoloxía poética do vate de Rairiz de Veiga. Aparecen ao cargo dela Delfín Caseiro —conveciño de Tovar e figura histórica da educación en lingua galega na provincia de Ourense— como compilador da escolma e Xesús Alonso Montero como autor do limiar.

Non é especulación a afirmación de que o contexto vital afectou con forza o prestixio de Tovar, a pesares de que apenas se reflicta na súa poesía. Funcionario de Facenda dende 1942, en 1967 quedou expulsado do corpo polos seus problemas de saúde... e pola súa militancia clandestina —pero coñecida— no Partido Comunista. Podería agardarse que esta filiación o axudase dentro do mundo da cultura galega, pero o certo é que isto tampouco ocorreu: sempre foi un epicúreo e un individualista ao que os foros públicos non lle gustaban en demasía.                                                                                     

Os bos lectores de poesía van atopar nesta escolma textos das filiacións máis diversas. Como fillo do desacougo da posguerra, Tovar conecta coa desesperación dun Blas de Otero —tamén recoñecido comunista—, mais non partilla a exaltación e a desesperación deste, senón unha vía máis contemplativa e existencial; como poeta da natureza enlaza con correntes coma o saudosismo, de longa tradición na Galiza e en Portugal con Teixeira de Pascoaes, pero elixe un panteísmo animista, case que místico en ocasións, no que a natureza ocupa o lugar do deus desaparecido —nunha ocasión Tovar declarouse, cunha hipérbole pouco típica nel, "o primeiro poeta ateo galego e tamén español", dinos Alonso Montero—; as notas amorosas son auténticas, dedicadas á súa dona durante máis de trinta anos, Tucha, unha muller de carne e óso sen os excesos da musa e cun erotismo contido.

Dito todo isto, se Antón Tovar destaca nalgo é no seu compromiso coa lingua galega. A sociolingüística non é un tema moi poético que digamos, e malia isto Tovar consegue situala no centro da súa obra, de novo cunha conexión coa súa peripecia vital: como declara nos seus versos, tivo que superar o trauma de aprender o galego lonxe dos pais, que rexeitaron a lingua —como tantos outros burgueses e funcionarios que desexaban medrar na sociedade española de comezos do século XX—, da man de labregos e criadas como a entrañábel Susa dos seus poemas.

A escolla destes temas quizais axudou a que se formulase unha crítica a Antón Tovar que segue viva nos nosos días e que esta antoloxía non esquiva: a da pobreza de estilo. Certo é que aquí non imos atopar experimentos gráficos, arriscadas imaxes e metáforas ou unha harmoniosa musicalidade. Tovar non precisa iso para ser un grande poeta e prefire a lírica da simplicidade, do eu intimista e duns personaxes e unha lingua que pertencen ao pobo e cos que, dende o seu espírito comunista e igualitarista, sempre se sentiu plenamente identificado.

Comentarios