Opinión

Mansplaining

August Bebel. EP
photo_camera August Bebel. EP

COMO FEMINISTA respectuoso, deixei pasar o 8-M cun par de rechíos en certa rede social e algún comentario cos máis íntimos. Non houbo artigo nin parolada por outro medio porque aquela xornada era para que elas tivesen voz. O malo de poñerse a iso case que un mes despois é que pode soar a mansplaining, o palabro inventado polos anglosaxóns e aínda sen equivalente galego que describe esa actitude de certos homes que todo o cren saber e indefectibelmente comezan a explicación cun "mira/cala, nena". Hanme desculpar todas e en particular Alejandra, a miña feminista de cabeceira, compañeira e lectora do manifesto do 8-M en Lugo.

Se algo me alporizou do que sucedeu foi a actitude de Albert Rivera, líder político, non tanto pola apropiación da causa —isto podíase esperar— senón polo terríbel exercicio de impostura intelectual que executou ao definir o movemento feminista como "transversal". Non, non todas as causas poden ou teñen que ser de todos. Concretamente o feminismo nunca foi de dereitas nin pode selo. Cando a dereita apoiou os dereitos das mulleres foi para tirar proveito do que cría que elas ían facer —véxase os debates na República entre os radicais de Lerroux e mulleres como Margarita Nelken-.

Actualmente o feminismo figura á cabeza dos movementos que lle dan unha patada no cu ao liberalismo: nada máis sinxelo para demostrar que a man invisíbel de Adam Smith que non facer nada respecto á situación das mulleres e comprobar como se manterían as estruturas machistas, patriarcais e discriminatorias sen ningún ente abstracto ou equilibrador que as destruíse.

Estes argumentos non son unha novidade senón que xa existían a finais do século XIX, cando o pope do socialismo alemán, August Bebel, publicou o seu histórico La mujer y el socialismo, que agora reedita Akal. A historia de Bebel é preciosa: despois de Lassalle, Marx e outros, converteuse no primeiro líder do Partido Socialista Alemán que non procedía da nobreza ou a burguesía: era carpinteiro e obreiro manual. Pero a diferencia dos líderes procedentes da clase traballadora na actualidade, non fixo gala da súa ignorancia senón que tratou de elevar o seu espírito ata ser quen de compoñer un extenso tratado sobre a situación da muller a finais da Revolución Industrial.

O núcleo do ensaio é un resumo dos males que azoutaban ás mulleres por entón... e agora: traballos de baixa calidade, diferencias salariais, prostitución, matrimonios pactados e infelices, violencia, desprezo ideolóxico e intelectual...

O inicio de Bebel non pode ser máis contundente: por moita similitude que haxa entre as situacións do obreiro e a muller, hai unha na que ela leva unha triste vantaxe: foi o primeiro ser humano escravizado. As donas foron escravas denantes de que existisen os mesmos escravos. A partires desta base o vello socialista dá comezo a un longo tratado con tres partes ben diferenciadas. A primeira é histórica e repasa a situación da muller da Prehistoria á Europa decimonónica. A partires da desaparición do matriarcado o seu desprazamento resulta probado e evidente.

A segunda parte, o núcleo do ensaio, é un resumo dos males que azoutaban ás mulleres por entón... e agora: traballos de baixa calidade, diferencias salariais, prostitución, matrimonios pactados e infelices —só abolidos en boa parte de Occidente—, violencia, desprezo ideolóxico e intelectual... Cando a diferencia se pode medir, August Bebel enche o seu texto de táboas que apoian con números a súa argumentación.

A terceira parte é unha exposición sobre o tipo de sociedade no que a muller podería acadar a igualdade plena: a verdadeiramente socialista. A lectura conmove á luz do non conseguido polo socialismo e alimenta os desexos de reforma que moitos homes compartimos coas mulleres de todo o mundo e que deben rematar non só coa igualdade entre sexos senón coa desaparición de toda discriminación por raza ou relixión.

Comentarios