El tiempo
sábado. 10.12.2022
El tiempo

Memorias do esquelete

Javier Nogueira

Leva anos de moda o que en inglés chamen true crime, series ou documentais que aproveitan aquilo de que con frecuencia a realidade supera á ficción e retratan as fazañas de certos criminais. O subxénero recibiu outro pulo nas últimas semanas coa estrea e o éxito de Dahmer, un asasino máis coñecido coma O Carniceiro de Milwaukee –Wisconsin, norte de Estados Unidos, terra de estepa, frío e fútbol americano–, quen practicaba o canibalismo coas súas vítimas e posuía sinistro sentido do humor negro –no cárcere quixo crear Caníbais Anónimos–.

Na literatura a novela negra e criminal tamén é xénero en boga, polo que non é estraño que o ensaio siga o ronsel da narrativa. É o caso de Escrito en los huesos, libro de éxito considerábel en Gran Bretaña que traduce agora Capitán Swing en España. A súa autora é Sue Black, escocesa á que se pode considerar nestes intres a meirande autoridade en antropoloxía forense na Gran Bretaña.

A antropoloxía forense,  como demostra a autora co seu relato, non é o que chamariamos unha disciplina agradábel de practicar. Consiste, basicamente, en analizar ósos de cadáveres para saber os trazos básicos da persoa á que pertenceron –sexo, idade, enfermidades– e a causa da súa morte –sobre todo, cando se sospeita que foi violenta–. En palabras de Castelao, facer as "memorias dun esquelete". A pesares da súa ampla experiencia, Black non pode esquecer o duro que é desenterrar restos de nenos ou descender a buratos cheos de lama en pleno inverno escocés.

Cada vez é máis frecuente que as autoras introduzan elementos confesionais e persoais dentro de ensaios de base científica

Bardante isto, o libro foxe de calquera pretensión de morbosidade. Sue Black é científica, non unha novelista ou guionista coa idea de usar o crime para atraer ao seu público –aínda que os interesados no mundo do crime chegarán igual ata os seus escritos–. Polo tanto a obra, sen ser un tratado técnico especializado, está ben chea de tecnicismos e organizada, de xeito aséptico, dende arriba ata abaixo, do cranio aos pés. Grazas ao seu traballo, Black pode falar de todo tipo de casos nos que a chave para a resolución estivo neste ou naquel óso: unha falanxe do dedo, unha chavella, os resistentes parietais da testa...

Cada vez é máis frecuente que as autoras introduzan elementos confesionais e persoais dentro de ensaios de base científica –pensemos, en España, no magnífico caso de Irene Vallejo–. Haberá quen critique o asunto por improcedente, xa que o narrador do ensaio debería ser case que invisíbel. Porén, nós cremos que, se se sabe manexar o relato, a experiencia persoal dá unha dimensión diferente ao texto. 

Ocorre no caso de Susan Black, xa que o lector atopa ben avanzado o libro –teñan paciencia– a detallada e terríbel narración da súa violación cando era nena e o non menos arrepiante relato de como a súa familia, aínda anos despois, ignorou o seu testemuño. Que pinta a anécdota no cadro xeral do libro? Serve, a modo de paradoxo, para rexeitar a idea de vinganza. 

O lector podería pensar que aquel traumático suceso foi a motivación da autora para se converter nunha especie de xusticeira a prol das vítimas de calquera asasinato... mais é ela mesma quen desbota tal posibilidade. A pescuda, a ciencia, a resolución dos crimes son algo máis prosaico ca na ficción: non se precisan enxeño ou afouteza senón ciencia, traballo e, de cando en vez, a intuición que dá a experiencia. Grazas a isto Black constrúe un tratado a medio camiño entre o técnico e a crónica negra que se le con facilidade e aproveitamento.

Memorias do esquelete
Comentarios