jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

Menos de nove novos

Foto_J._M._Castellet_copy_J

HAI UNS MESES o poeta Luís Valle cometeu a temeridade de me encargar que presentase o seu último libro. Para preparar o acto decidimos que o mellor era ter unha conversa sobre poesía arredor dun café, algo que aos dous nos encanta e que por desgraza facemos menos do que nos gustaría. Nese café rematamos por chegar, entre outras, á conclusión de que a historia literaria e en particular a historia da lírica é ben complexa de levar a cabo. Ben poden os críticos esforzarse en nomear, por exemplo, a Pere Gimferrer como grande vate da poesía española da segunda metade do XX... de nada ha valer se este decidiu, como así ocorrera, comezar a escribir en catalán e os poetas da xeración posterior cren que a súa sensibilidade está máis achegada á de Leopoldo María Panero.

Vén ao caso o tema pola reedición na editorial Península —nunha colección moi acaída, Imprescindibles— de  ‘Nueve novísimos poetas españoles’, antoloxía compilada por Josep Maria Castellet que está a piques de cumprir o seu quincuaxésimo aniversario e que está considerada unanimemente o grande marco da lírica española de finais dos sesenta. Obra comentada e glosada ata a saciedade, expuxo en negro sobre branco a necesidade da literatura española de se desfacer das pesadas cargas do realismo de «visillos» e da poesía política que practicaban algúns dos referentes da resistencia franquista, en particular o xigantesco Blas de Otero.

O certo é que Castellet acadou o que pretendía: sacudir os alicerces da arte poética do momento. E o curioso é que cincuenta anos despois seguir o camiño destes nove novísimos resulta moi azaroso. Para comezar, ao lector non especializado sorprenderao atopar a Vázquez Montalbán: o seu enorme éxito na novela eclipsou de todo unha lírica anterior mediocre, por certo. Nin nove poetas foron, xa que logo. Tampouco se asocia agora ao verso a Félix de Azúa, involucrado na ficción novelesca e política. Como xa dixemos, Gimferrer deixou a lingua española durante anos. E por último Vicente Molina Foix, máis coñecido por levar unha labazada de García Viñó no programa de Dragó hai uns anos.

Os demais forman ou formaron parte da mellor paisaxe cultural da poesía española. 2014 foi un ano desastroso para a quinta: morreron o mesmo Castellet, o incalificábel Panero —que levaba anos xa recluído nun sanatorio canario, con continuas entradas e saídas— e unha Anna Maria Moix cuxo tamaño como poetisa apenas chega ao zapato do seu talento como tradutora e difusora cultural, en verdade excepcional. Algo moi similar poderiamos dicir de José María Álvarez, tradutor de Kavafis ou Stevenson. Carnero e Martínez Sarrión completan a nómina de grandes autores do grupo. 
Os novísimos introduciron, dunha banda, a cultura pop nunha lírica española sempre máis atenta ás formas e motivos do Barroco ou o XIX, e doutra os modos do imaxinismo, a vangarda poética anglosaxoa representada por Pound e T.S. Eliot e relativamente esquecida por estes lugares, terreo abonado para o surrealismo e as influencias francesas. Antes da breve selección de cada un dos poetas, Castellet encargoulles unha poética e os textos son esclarecedores. 

Non menos claros resultan outros apéndices que inclúe a reedición: o informe da censura —os falanxistas estaban convencidos de atoparse fronte a trotskistas que tentaban introducir en España o virus do consumismo—, a recepción que tivo o libro na prensa especializada da época e unha serie de textos cos que o grupo homenaxeou ao seu mestre con motivo do seu oitenta aniversario. A idade lixeira rematará por levalo todo e non fará mudanza nos seus costumes. E cando isto suceda quedará no papel a mecánica do mar.

Menos de nove novos
Comentarios