Opinión

Menosprezar o adversario

EN NUMEROSOS libros que se están a publicar nestes anos sobre o funcionamento da mente e o intelecto humanos pódese atopar un argumento que ten que ver co noso comportamento social.

Para reforzar a nosa intelixencia ou a percepción da mesma, tendemos a dotar a aqueles que nos rodean dunhas cualidades intelectuais que non posúen, o que nos reforza sen caer nunha perigosa presunción. Se ampliamos o círculo das nosas amizades más próximas aos grandes grupos sociais aos que pertencemos, a consecuencia deste comportamento é evidente: aceptamos as nosas ideas como cumio da sapiencia e desprezamos ás do adversario (o cal é adoito un erro importante).


Hai ano e medio axitaba o panorama ensaístico o libro de Ignacio Sánchez Cuenca sobre a superioridade moral da esquerda e agora temos nas librarías unha boa cantidade de obras que afondan sobre as bases do pensamento conservador e de ultradereita. Afastado dun estilo panfletario e cun sólido alicerce filosófico atopamos La mente reaccionaria. El conservadurismo desde Edmund Burke hasta Donald Trump, de Corey Robin, profesor de Ciencias Políticas en Brooklyn College (unha universidade de ideas extremadamente progresistas para o estándar estadounidense). Publica en España Capitán Swing, coma sempre con rigor no contido e ousadía no formato (a portada trumpiana é moi rechamante).


O mesmo ca Sánchez Cuenca, Robin non agocha a súa posición ideolóxica nin o propósito do libro: é un intelectual de esquerdas e vai analizar aos conservadores dende ese prisma. A pesares disto, estamos bastante lonxe dun escrito panfletario. Nas máis de 300 páxinas da obra atopamos moita filosofía e unha considerábel capacidade de aplicación das categorías da lóxica a partir dos ditos e feitos dos principais pensadores e políticos da dereita.


A obra divídese en tres partes cun atractivo ben distinto para o lector non especializado. Na primeira o autor afronta a definición mesma do concepto: que é ser un reaccionario? A súa resposta vai alén do público e explica a conexión entre as políticas conservadoras e as ideas reaccionarias no privado. O mundo emancipado –por exemplo, con plena liberdade para as mulleres– quedaría resumido naquela sentenza de Hobbes sobre un mundo “feo, brutal e vil”. Ademais explica de que xeito conseguiron os conservadores apropiarse de certas receitas da esquerda para dar unha batalla social e electoral que deberían ter perdida na lóxica.


A segunda parte é moito máis árida xa que supón un repaso filosófico ao pensamento conservador. Pouco admisíbel resulta xa o tópico de introducir a Nietzsche como base do mesmo, dificilmente podemos considerar a Hayek un reaccionario e o lector español atopa o problema de que o pai do conservadorismo europeo, Edmund Burke, foi un opositor inglés á Revolución Francesa apenas coñecido por estes lares. O libro perde pulso durante decenas de páxinas.


Por sorte recupérao no tramo final, que analiza as peculiaridades do pensamento conservador estadounidense dende os anos cincuenta. Exerce como bandeira de enganche Ayn Rand, a mediocre escritora e pensadora que domina hai anos a escena literaria estadounidense (a pesares de ter finado hai décadas) coas súas parvadas individualistas (que, por suposto, se veñen de traducir ao español). E despois pasamos á conversión dos reaccionarios en neoconservadores (Hayek e Reagan mediante) e en fantoches, pois o autor demostra que conceder estatus de política organizada ás ideas de Trump ten pouco sentido. O problema, observa Robin e con el todos, é que tal personaxe manexa boa parte dos destinos mundiais, o que deixa en realidade moitas preguntas por responder dende o punto de vista sociolóxico, que vai alén do político e o filosófico.