Opinión

Metabiografía dun criminal

A cara de Franco nunha moeda. EP
photo_camera A cara de Franco nunha moeda. EP

HAI PERSONAXES dos que é difícil dicir algo novo, sobre todo os grandes protagonistas da historia do século XX. Hai tantas biografías de Churchill, Hitler ou Lenin –e libros non estritamente biográficos que tratan de explicar o seu contexto ou as súas actuacións– que calquera precisaría dúas ou tres vidas para enfrontarse a elas e o volume de documentación fai que as informacións queden necesariamente repetidas.

En España isto ocorre con Francisco Franco, nun movemento que poderiamos chamar pendular. Durante corenta anos recibiu as gabanzas máis esaxeradas da longa historia de adulación aos gobernantes absolutos en España... e dende hai case que medio século está sometido a unha revisión escrupulosa, dirixida principalmente polos hispanistas anglosaxóns, quizais máis obxectivos por estranxeiros.

En xeral os volumes laudatorios dirixidos a Franco entre os anos 60 e os 80 enchen as librarías de vello, onde se venden a prezo de saldo. Mais un historiador novo, Javier Rodrigo, vén de mergullarse neles e noutros moitos documentos –arquivos históricos, libros anteriores, rexistros sonoros, discursos– para publicar algo novidoso no ensaio español: o que se chama metabiografía, unha biografía de biografías. É Generalísimo, publica Galaxia Gutenberg e Alegre acerta de cheo tanto nas fontes coma na fluidez do relato.

A presentación dos materiais en libros coma este, baseados na síntese, é fundamental para que o lector non especializado poda enfrontarse a eles. Alegre escolle como eixe algúns dos distintos nomes que recibiu Franco –e chama a atención que rexeite tanto algún de escarnio e maldicir coma o epíteto máis frecuente, ditador–: Paquito, Comandantín e General antes da guerra –estes dous últimos son os que máis atención reciben– e Generalísimo, Caudillo e Su Excelencia el Jefe del Estado despois do conflito que o levou ao poder. Para o peche, nun capítulo que podería abrir a porta a unha continuación, queda a visión xeral na sociedade española actual: a dun gobernante criminal e rexeitado por moitos –que non por todos–.

Converteron un militar e gobernante nun verdadeiro mito cuxa sombra chega até os nosos días: o guerreiro temerario e invencíbel, o salvador da patria española

A principal virtude do libro do profesor Alegre é a desmitificación. En realidade, o importante non é o relato vital de Franco, de sobra coñecido, senón os relatos que outros fixeron del... e que converteron un militar e gobernante nun verdadeiro mito cuxa sombra chega até os nosos días: o guerreiro temerario e invencíbel, o salvador da patria española, o sabio que evitou que España entrase na Segunda Guerra Mundial, o faro do anticomunismo, o creador da Seguridade Social –isto último especialmente falso e case que cómico–.

Alegre pon estes relatos mitolóxicos diante dos ollos do lector –algo que provoca vergoña na meirande parte das ocasións– e despois dedícase a desmontalos coas ferramentas que teñen a Historia e tamén, por que non dicilo, a Ética e a Moral. Non hai providencialismo que resista a análise dos textos e a apertura do foco para analizar circunstancias históricas ou económicas moi complexas. No primeiro caso é interesante destacar a lectura que Alegre fai das revistas do corazón como creadoras de imaxe; no segundo, a constatación da nula parte que tivo o ditador no desenvolvemento económico da etapa do desarrollismo.

Dito todo isto, a sensación do lector crítico ao rematar de ler a obra é desacougante. A pesares dos seus esforzos e dos de moitos outros historiadores, o discurso eloxioso da ditadura franquista segue a ter unha presenza importante na esfera pública española. O mito é máis forte có dato histórico, semella, sobre todo cando importantes sectores políticos e sociais sosteñen ese mito. Porén, os historiadores non deben deixar os seus esforzos, senón insistir, en especial aqueles como David Alegre, xa nacidos en democracia.

Comentarios