jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

Metamorfose

UNHA MOZA de trazos chineses, vestida de verde militar, cunha pucha da mesma cor cunha estrela negra no centro sostén en alto non o Libro Vermello de Mao senón un teléfono móbil en cuxa pantalla aparecen un fondo vermello e unha estrela amarela, os máis coñecidos símbolos do réxime comunista da República Popular de China

Á ILUSTRACIÓN, de Enrique Flores, é a porta de entrada a A metamorfose do comunismo na China, de Xulio Ríos. Publica a editorial Kalandraka e é un pracer ler un ensaio en lingua galega que podería competir en calidade e profundidade con calquera publicado no mundo anglosaxón, francés ou europeo —nomeadamente as afamadas obras de Dikotter, en curso de publicación en España—. É o que ocorre cando se posúe o poder de análise de Ríos, fondo coñecedor da realidade chinesa, premiado por múltiples institucións e informado, ademais, sobre bibliografía alternativa, como a emanada en portugués do territorio de Macau.

A influencia da China nas nosas vidas é inversamente proporcional ao coñecemento que temos do país, xa dende o sistema escolar. Sabemos das viaxes a América de Colón e da expedición de Vasco da Gama á India, mais non das anteriores de Zheng He dende a China a Zanzíbar; sóanos Marco Polo pero a penas sabemos nada do contexto no que vivía Kublai, que nin sequera era chinés en realidade; xúlganse os crimes de Mao sen saber da rebelión Taiping ou, séculos atrás, a de An Lushan... Comemos comida, usamos teléfonos móbiles e contraemos enfermidades dun país do que pouco sabemos.

Xulio Ríos trata de responder indirectamente a unha pregunta convertida en acusación dende o goberno de Hu Jintao: segue a ser a China unha sociedade comunista?

O libro de Ríos enche parte destas carencias, en concreto as referidas ao século XX e comezos do XXI, e trata de responder indirectamente a unha pregunta convertida en acusación dende o goberno de Hu Jintao: segue a ser a China unha sociedade comunista? Os críticos co comunismo teñen unha resposta clara: por suposto que non, só hai un discurso falsamente igualitario que agocha unhas prácticas capitalistas.

A resposta de Ríos é moito máis complexa e parte dunha fonda análise histórica da traxectoria do PCCh, cos seus grandes acertos e terríbeis erros. O tempo dedicado a cada fase deste camiño medra co avance da obra: Ríos precisa 35 páxinas para sintetizar os primeiros trinta anos do Partido, pouco máis do dobre para o goberno de Mao e case que duascentas para Deng e os seus sucesores e para o actual camiño de Xi Jinping. Isto fai que o que ao principio é unha obra de historia nun estrito senso remate nunha áxil análise xeopolítica cun ton máis achegado ás reportaxes de The Economist.

E esa contestación é que, en esencia, China segue a ser unha sociedade comunista. Economicamente está rexida polo xa famoso principio de ‘un país, dous sistemas’, mais ideoloxicamente quedan claras un par de cuestións. A primeira, que o réxime chinés superou o grande obstáculo do soviético: era imposíbel crear unha sociedade comunista sen pasar denantes polo capitalismo e por unha elevación xeral do nivel de vida. A segunda, que os principios enunciados historicamente seguen en vigor e transgredilos pode ter graves consecuencias.

E este é un terceiro asunto, de fondas consecuencias éticas, que sobrevoa todo o libro: como valorar un réxime que sacou da pobreza secular a centos de millóns de persoas a custa de decenas de millóns de mortos —por acción ou omisión— e da supresión de moitas liberdades asociadas tamén, e en non menor medida, ao comunismo como ideoloxía? Estarrece o relato das torturas e marxinacións padecidas polos líderes disidentes... e se isto pasaba con eles mellor non pensar, por desacougo, no que pasaba nas aldeas. Ocorre que para esa pregunta non teñen resposta Xulián Ríos nin os seus lectores.

Metamorfose
Comentarios