Opinión

Métodos dacronianos

Bobby Knight
photo_camera Bobby Knight

Procuro certo vídeo nunha famosa plataforma en rede, porque a fotografía xa a vin en moitas ocasións e a historia que contén forma parte da lenda do baloncesto, o meu deporte favorito. Un home alto e de cabelo branco protesta con carraxe a un árbitro nunha pista do estado de Indiana –hai un mapa do estado cun I no medio, non ten perda–. O colexiado sinálalle unha falta técnica e un xogador rival diríxese á liña de tiros libres só, xa que o lanzamento non admite rebote. Cando o xogador está a piques de recibir o balón para lanzar, o home canoso achégase aos seus axudantes, colle unha cadeira e tíraa pola pista adiante. O público apláudeo, inconsciente do que vén de ocorrer.

Ese home era Bobby Knight, heroe olímpico dos Estados Unidos despois de gañar a medalla de ouro nos Xogos de Los Angeles en 1984, adestrando entre outros a un tal Michael Jordan. Seis meses despois –pois a escena que vimos de relatar desenvolveuse en febreiro de 1985– era o inimigo deportivo número un dos Estados Unidos. Quen sabe se por decisión propia, por consello dalgún amigo ou por consello da súa universidade, a de Indiana, Knight decidiu abrir o seu vestiario por completo ao xornalista John Feinstein para que escribise un libro. Resultou ser Una temporada en el alambre e axiña se converteu nun clásico da literatura deportiva, de feito un dos libros máis vendidos da historia deste subxénero. Chega agora ás librarías españolas da man da Editorial Contra e cun tradutor de luxo, o xornalista deportivo Guille Ortiz, quen aforra o lector os cotiáns erros na terminoloxía específica que tantas veces empecen os libros sobre o deporte estadounidense.

Bob Knight ten arestora máis de oitenta anos e vive retirado hai tempo, xa que padece graves problemas de saúde. O público máis veterano lembrará o seu nome por escoitarllo a Antonio Díaz-Miguel, o eterno seleccionador español e un dos introdutores en Europa das bondades do baloncesto universitario estadounidense, onde se xeraban moitas da novidades que aínda se usan no xogo. Ningunha destas novidades tácticas, físicas ou de adestramento aparece no libro de Feinstein, destinado a ser en parte unha crónica da temporada do equipo de Indiana e en parte un perfil do adestrador.

O éxito do libro, nos 80 e agora, atópase neste segundo elemento: a personalidade de Knight, representante dunha época case extinta no deporte –e outros eidos, como a educación–: a dos métodos draconianos de adestramento e xestión de persoal. A pesares de que Feinstein declara retirar da transcrición o oitenta por cento dos xuramentos do seu protagonista, o libro está cheo de insultos e desprezos. Os xogadores de Knight aparecen sometidos a un réxime militar e humillante cun só obxectivo: a vitoria a calquera prezo. Só de cando en vez aparecen relampos na escuridade, pois o adestrador é quen de se comportar cunha lealdade conmovedora e mesmo garantir o benestar dun xogador despois dun gravísimo accidente de tráfico.

Publicado en 1986 na súa edición orixinal, a tradución de Contra inclúe unha peza fundamental para comprender o libro: o seu segundo epílogo. Knight permitiu ao autor converterse na súa sombra entre 1985 e 1986, o seu equipo caeu contra todo prognóstico no torneo final universitario... e, na temporada seguinte, namentres Unha temporada en el alambre se convertía nun fenómeno editorial, Indiana cabalgou cara o título nacional universitario de 1987, obtido cunha canastra nos últimos segundos. Así o lector queda enfrontado a unha pregunta que resoa hai décadas, con Bob Knight e con todos os adestradores da vella escola de calquera deporte: vale todo para gañar.

Comentarios