Narrar e narrarse
Falaba hai unhas semanas co escritor Mario Caneiro, capón de Vilalba e gripe mediante, do que a min me parecía un fenómeno relevante da posmodernidade: nunca tanto se narrou, nunca tanta importancia tiveron xéneros e subxéneros literarios como a biografía ou a autoficción... e poucas veces existiu tanta sensación social da falla de existencia dunha narrativa común e cohesionadora na sociedade. E Mario, que é un experto na análise das sensibilidades, deu na diana: quizais é que nos narramos moito, pero non nos narramos ben.
A lapidaria sentenza de Caneiro coincide parcialmente coas teses sostidas por Lola López Mondéjar en Sin relato, obra coa que a autora acadou o Premio Anagrama de Ensaio –premio á española, aclaremos, con todas as eivas que isto supón– de 2024 e que, polo tanto, publica na súa colección Argumentos a mesma Anagrama. Non é habitual falar destes asuntos, mais déixesenos mencionar o magnífico deseño de capa, en fondo negro cun papagaio impresionante a través de contraportada, lombo e portada.
Lola López Mondéjar é unha sinatura frecuente en distintos medios nacionais dende a súa posición de psicóloga e, en particular, psicoanalista. Na nosa opinión, isto é unha base moi axeitada para a súa análise cultural –xa o demostrou o pai da disciplina, Sigmund Freud–, pero podería facer que moitas persoas rexeitasen dende a base parte das súas reflexións, pois é unha evidencia –véxanse, por exemplo, os libros de Peter Watson– que a psicanálise quedou fundamentalmente desacreditada xa tempo atrás.
Malia esta última observación, o certo é que a tese de López Mondéjar, con todos os matices que se lle podan poñer, é difícil de rebater, dado que está baseada nunha cantidade importante de datos e bibliografía e nunha análise demorada da realidade circundante. Segundo a autora, un dos grandes problemas do século XXI é a dificultade que teñen as persoas, en especial as máis novas, para construír un relato sobre si mesmas, feito con coherencia, cohesión e, cando menos, un chisco de obxectividade.
Esta incapacidade para elaborar un relato ten gravísimas consecuencias, xa que se atopa do que se deu en chamar a grande crise da saúde mental no século XXI. Sen un marco axeitado para interpretar o que ocorre arredor delas, as persoas, en especial as máis novas, teñen dificultades para a expresión e rematan con problemas psicolóxicos.
Sen chegar a estes extremos –non se pode negar que López Mondéjar adopta durante toda a obra un ton que Ecco cualificaría de apocalíptico–, a emerxencia das redes sociais e, en particular, o desenvolvemento na última década do que Shoshana Zuboff chama ‘o capitalismo da vixilancia’ converte ao usuario nun ser continuamente atraído e estimulado polo dispositivo móbil, algo que, non por casualidade, desconecta no seu cerebro a capacidade de xuntar as moitas informacións que recibe. Trátase dun bombardeo por saturación informativa.
Durante todo o ensaio a autora non deixa de ofrecer as súas solucións e tamén as doutros moitos escritores e filósofos. Está claro que existe unha resistencia e que, na vangarda dela, están escritores e escritoras —penso, concretamente, en Annie Ernaux e Jon Fosse, dous dos últimos Premios Nobel—. Non obstante, e dende a perspectiva do crítico literario, a lectura de López Mondéjar fixo que me preguntase que papel xoga a literatura de masas nesta sorte de alienación posmoderna. Isto demostra o éxito da ensaísta –espertar preguntas no lector– e a capacidade do crítico de formular cuestións que non poden resolverse nunha columna como esta, o que, sen dúbida, tamén conducirá a algo tan posmoderno como a frustración non tolerada.