Non ames o traballo

Operario nunha industria siderúrxica. AEP

Como xa saben se algunha vez pasaron por esta columna, o que isto escribe é profesor. De secundaria, para sermos precisos. Isto dáme a oportunidade para, de cando en vez, darlle importantes leccións ao meu alumnado, sobre todo nos primeiros días de clase. A principal, ou a que máis adoita gustarlles, é sobre o traballo. Este ano lembreilles aos meus queridos alumnos de Bacharelato que hai que traballar con constancia, pero sen excesos: se o traballo fora bo, teríano todo os ricos... e un nunca atopa un rico —de verdade– que traballe.

A pesar desta brincadeira, eu adoro o choio e vou ledo a traballar, o que me colocou nunha posición incómoda ao ler Trabajo. Un amor no correspondido de Sarah Jaffe, editado por Capitán Swing, un ensaio que ten como tese principal a de que a devoción polo traballo é unha idea habilmente inserida no noso caletre polo capitalismo para nos manter explotados e no límite mesmo do benestar namentres somos útiles para o sistema.

Como excepción na súa excelente liña editorial, penso que Capitán Swing pincha en óso con esta obra. E é que non todas as experiencias dos Estados Unidos se poden trasladar a Europa Occidental. Un dos capítulos, por exemplo, está dedicado á miña profesión, a docencia. Calquera pode coincidir na tese de base de Jaffe: non hai nada de malo en facelo por remuneración no canto de por paixón —léase vocación—. Mais cando descendemos aos detalles é obvio que en nada se parece un funcionario contratado por un goberno autonómico español a un profesor californiano dependente dunha situación laboral e legal completamente distinta.

Aínda resulta peor a análise noutro eido no que un servidor é especialista: o deporte profesional. O capítulo comeza por estar desactualizado, pois non recolle o histórico acordo sobre dereitos para estudantes-deportistas universitarios que dende hai un par de anos converte en millonarios adolescentes a miles de xogadores e xogadoras da NCAA en distintos deportes. Cando foxe deste tema a autora cae nas desigualdades salariais, un tema interesante dende logo, pero que en realidade non ten demasiado que ver co amor ou desamor polo traballo.

O precariado en Europa

Máis interesantes e atinados son os capítulos dedicados ao que se deu en chamar no Vello Continente o precariado. En canto aos artistas, aínda que as subvencións e encargas gobernamentais en Europa supoñen unha importante fonte de ingresos, a visión estética da arte pola arte lastra a capacidade para acadar un emprego digno de moitos empregados do sector; en canto aos bolseiros, tanto nos Estados Unidos coma en Europa —en particular en España—, o mantemento dos seus salarios de miseria está estreitamente relacionado tanto coa promesa dun futuro mellor Fai méritos e subirás na escada académica— como coa subida de prezos de produtos básicos, en particular a vivenda.

A mensaxe de Jaffe é tan clara como difícil de levar a cabo: precisamos un cambio de sistema, precisamos unha organización máis colaborativa, máis social e máis pragmática, na que as condicións obxectivas garantan o benestar emocional dos traballadores e as traballadoras. Da lectura do seu traballo podemos deducir que, sexa parte dun plan das empresas e gobernos ou non o sexa, isto non pode suceder dentro da época do capitalismo neocón na que nos atopamos. A pregunta, sen resposta, é como podemos mudar ese sistema e cara onde poderiamos facelo sen que as forzas da reacción esmagasen unha reforma que lles quitaría parte dos seus privilexios.