viernes. 15.01.2021 |
El tiempo
viernes. 15.01.2021
El tiempo

O crítico e o fan

Eu cheguei a Lugo o 30 de setembro do 2000, un serán de domingo frío e con choiva, de mal humor porque o Barça perdera en Coruña (eran os anos duros do gasparismo).
Los Rodríguez
Los Rodríguez

ÍA VIVIR SÓ preto do Colexio Universitario, onde ía comezar ao día seguinte os meus estudos de Filoloxía. A familia aparcoume alí, saquei o meu radiocasete con forma de ovo, puxen ‘Hasta luego’ de Los Rodríguez e, coa compaña de Andrés Calamaro, Ariel Roth, Julián Infante e Germán Vilella, desfixen as maletas para non volver facelas endexamais. Ao día seguinte coñecín outra fan de Los Rodríguez fóra da Aula 2 da facultade e aí comezou outra historia.


Hai millóns de historias coma esta, na que a música dun grupo determinado é a banda sonora dunha vida ata o punto de se atopar irremisibelmente conectado a ela. Isto ás veces é un problema, porque os anos pasan e cando peiteas canas —ou non peiteas ren— pregúntaste como demo che podía gustar tal cousa aos 15 ou aos 18 anos. Lei de vida, disque. Non ocorre con Los Rodríguez, que acumulan á hora de escribir estas liñas máis dun millón e medio de oíntes mensuais en plataformas de streaming, cifras ás que non chegan artistas coma Serrat ou Ana Belén, xa non digamos as bandas contemporáneas a eles.


Á vista disto estaba claro que existía un público obxectivo para unha biografía do grupo. Ese oco enchérono Kike Babas e Kike Turrón co magnífico Sol y sombra, un libro que edita Bao Bilbao. En primeiro lugar destaca a obra polo deseño: portada colorida que non deixa indiferente a ninguén, fotografía do grupo espido, páxina pesada, maqueta arriscada e moitísimo material gráfico e documental.

Os fans adolescentes son agora adultos con (teórica) capacidade adquisitiva nos seus corenta, o que dá viabilidade económica ao asunto


Os propios autores destacan no capítulo final, que actúa de epílogo, que o grupo presentaba nestes intres os trazos perfectos para un libro destas características: a pervivencia da súa música, as carreiras musicais estelares ou sólidas que manteñen varios dos seus membros, unha retirada abrupta décadas atrás convertida en definitiva polas tristes circunstancias persoais e a posibilidade de reconciliación, tanto tempo despois, entre Calamaro, Roth e Vilella. Convén engadir pola nosa parte que os fans adolescentes son agora adultos con (teórica) capacidade adquisitiva nos seus corenta, o que dá viabilidade económica ao asunto.


Podía ocorrer que Babas e Turrón fracasasen no método histórico —ao cabo é Historia o que están a facer— ou no estilo... pero non ocorre en realidade. Usan o método popularizado por Studs Terkel e Robert Caro, o da historia oral construída a base de entrevistas e combinada con documentación «obxectiva». O grupo de entrevistados é moi amplo e en moitas ocasións ofrece testemuños contraditorios sobre certos sucesos, algo que permite que o lector escolla a versión que lle interesa e se implique na lectura. Detrás do proxecto hai centos de horas de entrevista e calquera que teña editado sabe o esforzo que tivo que supoñer pulir e ordenar todo ese material.


Dentro destes testemuños a columna vertebral, obviamente, compóñena os de Calamaro, Roth, Vilella e o equipo que os rodeaba. Ocorre que sobre todo o libro cae a sombra de Infante, morto de sida hai xa vinte anos. As súas verbas, por moito que se intente, non se poden reconstruír e fallan no quebracabezas, xa que ademais foi a principal vítima dos excesos co alcol e as drogas da banda, un tema que non se evita en ningún intre. Precisamente pola presenza destes vicios e pola descrición do negocio musical da época o libro pode traspasar a barreira dos fans e chegar ao público xeral como a descrición duns tempos convulsos para a cultura, a música e a sociedade españolas.

O crítico e o fan
Comentarios