Opinión

O mar de moda

XA TEMOS falado nalgunha ocasión de que o mercado editorial español funciona coas súas particulares reglas e que en non poucas ocasións pon de moda certos temas sen que o lector poda detectar con facilidade a razón pola que isto ocorre.

Está a pasar nos últimos anos co mar, enfocado non tanto dende o punto de vista do tratado técnico ou local —a construción dos barcos ou, por exemplo, a actividade pesqueira nas costas da Mariña lucense— senón dende a óptica da Historia e, máis en concreto, da Historia das Civilizacións.

Só dentro desta tendencia pode comprenderse a edición de El mar y la civilización. Una historia marítima del mundo de Lincoln Paine, un tratado que por temática e contido ben podería confundir o lector casual co publicado hai poucos meses por David Abulafia, de difusión máis ampla polo prestixio do autor e o selo que o editou. Aparece este en Antonio Machado, unha editorial con pouca difusión, pero que merece un comentario pola súa gloriosa historia. Fundada en 1971 da man dunha libraría que aínda se mantén activa, foi obxecto de diversos atentados da ultradereita naqueles tempos. Por fortuna, sobreviviu até cumprir o medio século con saúde abondo para publicar obras da envergadura desta.

O orixinal de Paine data xa de 2013, polo que non se trata precisamente dunha novidade nun mercado cada vez máis globalizado. Estraña que non chegase a tradución antes, máis se temos en conta o relativo éxito no mercado anglosaxón. Este éxito é sinxelo de explicar se atendemos aos trazos do libro: está afastado do academicismo que si aparece noutras obras similares —pénsese, sen ir máis lonxe, no Mediterráneo de Braudel, verdadeiro pai deste subxénero—, cunha carencia case que total de notas a rodapé; está escrito cun estilo sinxelo, a pesares de tratar en ocasións temas complexos para o lector occidental; e céntrase en aspectos amplos no canto de facer excursións cara historias particulares tomadas como exemplo, o que en ocasións leva aos autores que as usan lonxe do fío principal do relato.

Está encabezado por varias ducias de mapas e abrangue a navegación dende Portugal á Micronesia e dende Barcelona á China

Dito todo isto, hai que facer algunhas precisións. A primeira, que o título escollido por Paine non é o máis preciso para o lector español. Leva a pensar que se centra no papel das relacións marítimas na civilización cando, para ser máis precisos, os temas principais son a tecnoloxía marítima e as formas de navegación e só como derivado disto aparece a historia da civilización dende a perspectiva dos contactos entre os mundos separados polos mares.

A segunda xa quedou anticipada unhas liñas máis arriba. Non debemos confundir a dificultade relativa coa absoluta. O libro de Paine pode resultar unha lectura máis sinxela que os de Abulafia, Norwich ou Braudel (por citar tres clásicos), pero isto non a converte en fácil de seu. Estamos perante un tratado que supera as 800 páxinas e recolle décadas de investigacións e lecturas. Está encabezado por varias ducias de mapas e abrangue a navegación dende Portugal á Micronesia e dende Barcelona á China. E por moito que se teñan reivindicado nos últimos tempos, por exemplo, as expedicións do almirante eunuco Zheng He no século XV, nas que facilmente podería ter chegado a Europa se tal tivese sido o seu obxectivo, só o lector moi formado ou cun interese previo poderá sortear a lectura sen atrancos dado o afastado desas historias respecto á nosa.

A pesares das dúas precisións feitas, non podemos menos que saudar a edición doutra obra de longa mirada sobre a historia universal, e en particular sobre o mar, e agardar que a saúde do libro de Historia se manteña no bo estado no que semella atoparse neste comezo do 2022.

Comentarios