O mellor

Coliseo de Roma. AEP

Dicía o cantante Loquillo que houbera un tempo coñecido como a idade de ouro. Non se refería ao que imos tratar nesta crítica, pero a historia dálle a razón: a maior parte dos historiadores cren que en Occidente houbo un tempo dourado que coincide co goberno da dinastía Ulpio-elia en Roma, entre o 98 e o 180 da nosa era. E este tempo comezou co imperio de Traxano, de quen agora contamos cunha biografía excepcional (Trajano. El mejor emperador), obra dun historiador relativamente novo, David Soria Molina. Publica Desperta Ferro, un selo peculiar, especializado en historia militar e no que conviven libros e revistas.

Xa temos sinalado noutras ocasións nestas mesmas páxinas a relevancia actual do xénero biográfico, non só no mundo hispánico senón tamén no anglosaxón ou francófono. Arte, literatura ou historia explícanse de xeito moito máis divulgativo, pero sen perder rigor, a través dun persoeiro, cos seus acertos e erros. Este movemento está claramente relacionado co favor que o público outorga á novela de personaxe por diante da novela de accións xa hai décadas.

Soria Molina escolleu a Traxano e a escolla ten o seu aquel. Foxe con ela tanto da traída e levada dinastía xulio-claudia –de Augusto a Nerón, con obras literarias coma Eu, Claudio de Robert Graves e cinematográficas coma Quo vadis? de Mervyn LeRoy– como da longa sombra doutros emperadores da dinastía Ulpio-elia –termo no que insiste moito o autor, por contraste á tradicional denominación de dinastía Antoniniana–, en particular o Adriano de Marguerite Yourcenar e o tan traído e levado Marco Aurelio, groseiramente manipulado nestes tempos por gurús de adolescentes que collen o que lles interesa do seu estoicismo.

O traballo deste historiador, formado na universidade de Murcia, sitúa a súa biografía non só como unha referencia dentro dos estudos históricos da época –nos manuais universitarios de referencia non se atopan libros de tal fondura e extensión nin sobre estes tempos nin sobre este emperador en concreto–, senón tamén como un fito na biografía de personaxes históricos en España. Parte dun amplo contexto histórico previo á chegada de Traxano á púrpura imperial, esgota as súas campañas militares en Dacia e Partia –quizais cun exceso de detalle, debido posibelmente ao público que adoita seguir a Desperta Ferro–, analiza a súa tarefa de goberno e remata cunha conclusión que non por sabida é menos relevante: Traxano foi un gobernante excelente, considerado polos romanos á altura do mesmo Augusto e inxustamente esquecido pola historiografía universal.

Tamén, e como non, foi un excelente propagandista. Outro elemento a destacar do libro de Soria Molina son as páxinas dedicadas a reproducir a Columna Traxana. Como sabe calquera estudante de Arte ou visitante de Roma, a columna atópase en pleno centro da Cidade Eterna, conmemora a conquista de Dacia –a actual Romanía–… e non achega demasiada información, porque é imposíbel distinguir as imaxes do mármore moito máis alá dos tres ou catro metros dos 38 de altura que ten o monumento. O autor usa a xentileza do Museo Nacional de Romanía para tirar imaxes a dobre páxina e explicalas en detalle, tanto para o experto como para o lego.

Se unha eiva temos que poñer a tan excelente libro é a súa imposibilidade de escapar a certas teimas de parte da historiografía española actual. O lector non deixa de ter en moitos momentos a incómoda sensación de que importa demasiado a orixe hispana de Traxano, coma se o autor tratase de establecer unha superioridade na acción de goberno debida a unha procedencia española. A sospeita confírmase nalgunhas páxinas pouco afortunadas na nosa opinión, nas que o historiador conecta a Traxano coa Lenda Negra e chega a afirmar que Edward Gibbon ignorou a procedencia hispana da dinastía porque os Estados Unidos gañaron a súa Guerra da Independencia grazas ao grande Imperio Español. Como diría un poeta de seguro apreciado por Traxano, "de cando en vez ata o bo Homero bota unha soneca", así que, malia isto, a biografía do emperador bético é do mellor que pode lerse en Historia en español neste longo verán.