O universo en poema
A literatura centroamericana é a parente pobre da literatura hispanoamericana. Lembro que hai uns poucos anos tiven unha alumna hondureña, escintilante e marabillosa. Fixemos boa relación e quixo agasallarme Prisión verde, a grande novela hondureña de Pedro Amaya Amador, narración do realismo social e o dominio do país polas compañías bananeiras. Semanas despois, innecesariamente compunxida, explicoume que era imposible conseguila en España e tamén na mesma Honduras.
Hai excepcións, por suposto, concentradas en tres países. Guatemala deunos a Miguel Ángel Asturias, o primeiro Premio Nobel, e, na práctica, a Augusto Monterroso –nacido por azar en Honduras–; El Salvador, a Roque Dalton; e Nicaragua, ao grande mestre Rubén Darío... e o noso protagonista de hoxe, Ernesto Cardenal, de quen se vén de publicar a Poesía completa na editorial Espasa. Dado o tipo de edición e as conexións deste selo coas Reales Academias do español, non é difícil ver a man destas na compilación e pensar nela como outro instrumento de canonización dun dos vindeiros grandes líricos de América, na compaña de poetisas coma Idea Vilariño ou Ida Vitale.
Ernesto Cardenal, premio Cervantes no xa afastado ano 2012, conta quizais coa biografía máis estraña dun escritor hispanoamericano no século XX, o que xa é moito dicir. E, ademais, esta biografía está permanentemente presente nos seus versos. Nacido na Granada nicaraguana en 1925, en 1957 decidiu facerse monxe trapense nada menos que en Kentucky, nas grandes chairas dos Estados Unidos. Inadaptado á vida de monxe, pasou a ser sacerdote e creou unha lendaria comunidade en Solentiname, un arquipélago situado no medio e medio do lago que conforma o centro de Nicaragua. Cando o ditador Anastasio Somoza disolveu a pequena comunidade, que resultaba molesta pola aplicación dos principios de xenerosidade cristiáns, próximos ao que se consideraba comunista, Cardenal viuse convertido de súpeto en líder revolucionario. Ministro de Cultura por anos no goberno sandinista, primeiro suspendeuno a divinis ese santo súbito que era Xoán Paulo II e despois el mesmo deixou a Fronte Sandinista por desavinzas coa súa deriva. Ata 2020 foi fiel a un único credo: o do coñecemento, a poesía e a igualdade.
Cardenal, como poeta, pertence a unha estirpe extinta, que en Hispanoamérica poderiamos chamar a dos nerudianos. E non por Residencia en la tierra, un supoñer, senón polo Canto general do poeta de Isla Negra. Foron eses poetas prosaicos, que quixeron amosar, sen demasiada musicalidade, imaxe ou sinestesia, todo o que entraba no universo dese século XX dunha terríbel beleza. É o que ocorre no Cántico cósmico, para un servidor cerne desta Poesía completa. Nel podemos dicir que Cardenal mira polo Aleph co que Borges se burlou daquel Carlos Argentino Daneri, detrás de quen se agochaba, supoñemos, o mesmo Neruda.
Non sempre atopamos ese prosaísmo. Chaman a atención os epigramas de produción inicial, dedicados a Miryam –quen reaparecerá como musa noutros poemarios– e tamén os poemas, máis líricos, de Oración por Marilyn Monroe y otros poemas, co paradoxo de que un perseguido por Estados Unidos fose un dos mellores líricos da cultura pop. Con Cardenal, tal e como explica a autora do breve limiar do libro, Remedios Sánchez, o dicir e o facer quedan mesturados ata ese punto no que a poesía queda convertida nunha ferramenta útil e mesmo revolucionaria para a transformación social. A mágoa é que semella que nestes tempos, con Cardenal e sen el, perdemos a transformación social positiva e, quizais tamén e máis grave para todos, a importancia da mesma lírica, aquela na que o universo colle nun só texto.