Opinión

Os homes e as pedras

A Venecia dedicou a súa obra magna John Julius Norwich, Historia de Venecia 

Os homes e as pedras
photo_camera Os homes e as pedras

HAI UNS POUCOS anos o historiador británico Norman Davies publicou unha obra de grande interese, Reinos esvaecidos. Loxicamente tivo que se limitar aos principais ou a aqueles que máis acaían aos seus gustos, xa que a cantidade deles que hai só en Europa daría para unha enciclopedia, non para un libro.

Dentro dos cambios que tiveron lugar no último século e medio no panorama do Vello Continente hai que salientar por obvios os ocorridos nas actuais Alemaña e Italia e en particular a desaparición de certas cidades-estado. 

As pedras de Venecia son o testemuño da antiga independencia e dunha grandeza que se prolongou dende metade da Idade Media ata ben avanzado o século XVII. Á principal cidade do nordeste de Italia dedicou a súa obra magna John Julius Norwich, outro historiador británico, nova hai uns poucos meses pola desgraciada nova do seu pasamento. A Historia de Venecia reeditouna antes do verán Ático de los Libros, un selo ao que debemos agradecer a súa aposta por ensaios de grande calado e un volume realmente notábel —máis de oitocentas páxinas neste caso—.

Dende que o famoso historiador da arte vitoriano John Ruskin dedicase a súa obra máis coñecida á cidade do Lido, esta exerceu un especial magnetismo sobre a cultura inglesa. Na obra de Norwich podemos ver dous factores que conectan a ambas sociedades: a súa fortaleza eminentemente marítima —universal a británica, mediterránea a veneciana—, e un sistema político tendente á democracia e baseado en sistemas de elección representativa dentro dunha certa oligarquía. As mellores páxinas do autor chegan á hora de aclarar o sistema de elección dos dogos, tan complexo como efectivo á hora de manter baixo control aos gobernantes durante máis de dez séculos. 

Venecia foi ao Renacemento do resto de Italia o que Roma á civilización de Grecia: un lugar práctico

Cando se pensa en Italia e a súa grandeza artística a nosa mente marcha automaticamente cara a Toscana e Roma. O Renacemento pasou por Florencia e o Vaticano, por Milán e as cidades da Lombardía. Non podemos ir a Venecia na procura de grandes pinacotecas ou esculturas que semellan cobrar vida, tampouco se produciron alí as eruditas obras dos humanistas. Venecia foi ao Renacemento do resto de Italia o que Roma á civilización de Grecia: un lugar práctico, onde a vida pasaba polo comercio dos portos e as eleccións da Señoría. Poucas veces un adxectivo foi tan axeitado para unha República como o de Serenísima para a veneciana.

Norwich é quen de recoller coas súas descricións, feitas con tanto enxeño como precisión, a importancia e o carácter especial de Venecia. Primeiro, a loita contra os elementos que permitiu transformar unha lagoa nunha cidade; segundo, a creación dun imperio comercial a partir do estreito canal formado polo Adriático; terceiro, a pelexa deste imperio contra potencias xeograficamente máis poderosas coma Bizancio.

Froito da combinación destas circunstancias naceron os grandes homes venecianos e foron eles os que ergueron os monumentos da cidade. Continuamente no relato de Norwich vemos a un home da oligarquía loitar pola súa fortuna, gañala nalgún lugar do Mediterráneo, e construír para o seu desfrute e o da posteridade un pazo digno da súa nobreza. E tamén atopamos un lado escuro que ao lector de Shakespeare non pode menos que lembrarlle a Iago: os conspiradores, os traidores... Marino Faliero decapitado polo seu desexo de vingar ofensas menores ou o famoso Carmagnola, caído por xogar con dúas barallas e menosprezar ao dogo. Dende logo, imos botar de menos o pulso de Norwich para o relato destas historias e mesmo que alguén volva os ollos cara elas no mundo 2.0.

Comentarios