lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Os outros millóns

SE UN LE xornais ou libros ou escoita os discursos de moitos políticos saberá que, en teoría, estamos nunha guerra cultural que está a levar a cabo a dereita (pseudo)intelectual contra o dominio académico da esquerda, trasladado a certa política. Digo "en teoría" porque na práctica o asunto soa máis ben a un uso estensivo do que en Retórica chamamos "argumento do home de palla": cargar de clichés a un bando e construír o argumentario sobre esas falsas ideas.

Un dos argumentos máis usados por esa dereita extrema fala do comunismo como unha ideoloxía xenocida e ten un mantra: o dos "cen millóns de mortos". O cálculo non se sabe de onde demo sae —aínda que.o candidato máis probábel a ser seu pai sexa Robert Conquest— pero asúmese como certo en moitos lugares. Non ocorre o mesmo cos mortos do capitalismo, os outros millóns, co que se dá un desequilibrio: todo morto producido na China de Mao pódese achacar —correctamente quizais— ao réxime comunista mais non hai un cálculo equivalente para o seu teórico rival político, o capitalismo.

Os comunistas tamén foron vítimas e, por certas circunstancias, os xenocidios cometidos contra eles resultan para o grande público descoñecidos en xeral. Para paliar esta situación vén de publicar Capitán Swing —sempre atenta aos títulos alternativos do outro lado do océano—  Método Yakarta, do autor estadounidense Vincent Bevins, que trata sobre as masacres de comunistas que deron forma á xeopolítica actual, ocorridas entre metade dos 60 e metade dos 70.

En Iacarta, a capital de Indonesia, e noutros lugares dese inmenso país formado por milleiros de illas, asasinouse entre 1965 e 1966 a un millón de membros do Partido Comunista só polo feito de selo. Fíxose dun xeito especialmente arrepiante, tal e como relatan os documentais dirixidos por Julian Oppenheimer nos 2000 (The act of killing chegou a estar nomeado ao Oscar), e ninguén no país semella arrepentirse do ocorrido.

Bevins usa o molde da historia oral, elaborada a través de entrevistas levadas a cabo nos seus períodos como correspondente na mesma Indonesia, pero tamén no Brasil ou en Venezuela. Isto aporta moita viveza ao seu relato e permítelle estudar o xenocidio dende a súa mesma xénese para despois apoiarse na documentación xa desclasificada polo Departamento de Estado estadounidense —aínda parcial, mais en calquera caso máis fiábel ca calquera fonte do país—.

O libro é apaixonante namentres fala deste período de tempo en Indonesia e perde folgos cando trata de explicar como este 'método Iakarta'

O libro é apaixonante namentres fala deste período de tempo en Indonesia e perde folgos cando trata de explicar como este método Iakarta, que consistía na asfixia económica dos países socialistas —en realidade, a maioría afastados do comunismo soviético, como se sabe hai tempo—, a colaboración da CIA con militares de ultradereita deses países, o golpe de Estado e o asasinato masivo de comunistas —con Chile como caso máis coñecido—, se estendeu a outro lugares. 

Isto ocorre porque para unha análise do verdadeiro funcionamento desta estratexia, documentalmente probada por Bevins, precisaríase un traballo análogo ao que o autor fai con Indonesia para Brasil, Chile ou Camboia —onde o réxime xemer aparece como reacción á guerra de Vietnam e o asasinato masivo dos comunistas indonesios—. Isto convertería o libro nun manual de historia moito máis amplo e, seguramente, moito menos lexíbel.

 Malia esta eiva, estamos perante un libro de divulgación magnífico que, por desgraza, de seguro non xogará un papel nesa guerra cultural porque nela a maior parte dos argumentos son de trazo groso. Ao cabo, quen necesita a historia cando pode facer unha propaganda que funcione moito mellor.

Os outros millóns
Comentarios