sábado. 05.12.2020 |
El tiempo
sábado. 05.12.2020
El tiempo

Outros renacementos

QUE O NIVEL intelectual da política española é lamentábel non é nova de última hora. Co que non contabamos os que levamos tempo pola terra de Alvargonzález é con que a cousa fose moi a peor. Hai uns días Pablo Casado sorprendeunos coa súa última, que non derradeira, parvada: "A Medicina é unha ciencia exacta, ao contrario que a Filoloxía".

Se deixamos á marxe o feito de que o líder popular confundiu Filoloxía con Filosofía (disciplina na que é licenciado o actual ministro de Sanidade, a quen interpelaba), matino que a pantasma de Lorenzo Valla, quen descubriu mediante a ciencia filolóxica as falsidades da Igrexa Católica durante o século XV, o perseguirá para sempre.

A afirmación contén un fondo descoñecemento do que son as ciencias humanas e tamén da historia da ciencia. E pronunciouse nun intre paradoxalmente oportuno, cando está nas librarías El renacimiento del siglo XII, o clásico de Charles Homer Haskins que cambiou a visión da Idade Media. Edita Ático de los Libros e traduce e anota Claudia Casanova, que merece mención sobre todo polo agarimo que transmite o seu limiar. A obra é o que entendemos por un clásico. Haskins foi o primeiro medievalista estadounidense, estudante en Johns Hopkins (a primeira universidade do país que marxinou por completo os asuntos relixiosos) e asesor do presidente Wilson durante a Primeira Guerra Mundial. Como profesor en Harvard rachou as convencións históricas e froito desta ruptura foi este libro, que modificaba a idea europea do Medievo (que aínda se mantén en boa medida).

Hai xa tempo que se recoñece que o Renacemento italiano non apareceu nun baleiro senón que supuxo o agromar de ideas presentes en Europa dende o século XII

Si, hai unha parte da Idade Media que se afunde nas sombras. De feito existe un libro provocador, de Heribert Illig, un historiador alemán, que xoga coa ficción de que o período que vai de 614 a 911 non existiu en realidade e de que Carlomagno foi unha figura inventada polos otónidas para xustificar a superioridade do Imperio sobre o Papado. Porén, hai xa tempo que se recoñece que o Renacemento italiano non apareceu nun baleiro senón que supuxo o agromar de ideas presentes en Europa dende o século XII, unha idea cuxo pai é Haskins. Dende o punto de vista da historia das ideas a continuidade segue o camiño enunciado por Haskins e non polos estudosos europeos. Despois de que os clásicos gregos e romanos caesen no esquecemento reapareceron nas antigas cidades do Imperio Macedonio (como relata magnificamente Irene Vallejo no seu El infinito en un junco) agora conquistadas polos musulmáns e remataron en Persia ou o Magreb, onde as preservaron homes como Avicena e Averroes.

Dende Toledo pasaron á Europa que comezaba a espertar arredor das universidades de París e o norte de Italia e fusionáronse co coñecemento que se producía nos mosteiros, onde a copia de libros e os primeiros pasos da Filoloxía foron chave para que se desen os primeiros pasos na ciencia, o dereito ou a historia. Todo isto en latín, mantido como lingua de cultura pero tamén como expresión do lúdico. Cando Poggio Bracciolini atopou De rerum natura de Lucrecio en San Galo (Suíza), nunha excursión durante o Concilio de Constanza a primeiros do século XV, non traballaba no baleiro. Haskins restableceu os elos dunha cadea que semellaba rachada e fíxoo, como é propio dos grandes historiadores, cunha especial habilidade para a narración e para a pintura dos escenarios dun mundo que xa non existe ou que para moitos, como se pode comprobar polas declaracións de Casado, é irrelevante. Moitos non son conscientes dos cambios no concepto de ciencia ocorridos durante séculos nin de que o alicerce para os descubrimentos dun Newton quizais estivo na escura cela dun monxe beneditino en Italia ou Francia moitos séculos atrás.

Outros renacementos
Comentarios