Pode ocorrer de novo

Hitler y Franco, en Hendaya. AEP
Sobre as nosas democracias, dende hai case que un século unha pantasma: Adolf Hitler chegou ao goberno a través dunhas eleccións

É común que todos os movementos políticos teñan o seu pecado orixinal, ese momento no que traizoaron uns ideais nobres —se é que os tiñan, en primeiro lugar— e cometeron un erro que custou vidas e prestixio para séculos: a guillotina para os xacobinos, a escravitude para a democracia estadounidense, o gulag para os comunistas. E nin a mesma democracia liberal como sistema de goberno escapa disto.

Sobre as nosas democracias, coas súas constitucións, partidos políticos, dereitos dos cidadáns e estado de benestar flota dende hai case que un século unha pantasma: Adolf Hitler chegou ao goberno a través dunhas eleccións e de medios completamente democráticos. Un dos peores seres humanos que existiu nunca non só foi quen de convencer a case que o 40 por cento do electorado alemán de que o votasen, senón que tamén soubo manobrar no medio das moi distintas forzas que actuaban por entón en Alemaña para que o nomeasen chanceler. E todo isto cunha constitución, a de Weimar, que os especialistas en Dereito Político consideran un dos modelos máis perfectos de lexislación creado pola humanidade.

Na actualidade son numerosas as comparacións do que está a ocorrer con ese proceso —nesta columna falamos hai uns meses do libro sobre a liberdade de Timothy Snyder—, polo que non está de máis analizalo a fondo. É o que fai o historiador Timothy Ryback en El ascenso de Hitler al poder, publicado por Galaxia Gutenberg, un libro que abrangue en esencia o ano 1932 e culmina no infausto 30 de xaneiro de 1933, o día que as autoridades se renderon definitivamente e entregaron o poder a Hitler. Tanto o autor como a editorial insisten en que o libro debe lerse en chave de presente: a ultradereita non tomou o poder, ofrecéronllo.

Aínda na década dos 20 do século XXI segue a aparecer documentación que, aínda que non sexa novo por completo, si está a disposición de moitos máis investigadores, o que permite visións máis completas dos sucesos. Recorre a editorial á consabida frase materiais de arquivo ata agora inaccesíbeis na contra do libro, mais unha ollada ao capítulo de fontes aclara que non existiron tales materiais, senón un acceso a fontes ata agora menos consultadas, caso dos xornais da época, agora dixitalizados e dispoñíbeis dende calquera lugar do mundo. Ryback manexa ademais fontes secundarias alemás relativamente recentes e non moi coñecidas fóra do país, coma o Itinerario, unha crónica de Hitler día a día, ou algunhas novas biografías de certos persoeiros.

Polo demais, o certo é que a obra de Ryback non aporta no xeral demasiadas novidades se a comparamos cos clásicos do tema: a crónica xa máis antiga de William Shirer ou os libros máis contemporáneos de Childers, Burleigh e, especialmente, Richard Evans, nunha triloxía sobre o Terceiro Reich traducida ao español hai tempo. O que si é un acerto é que limite o seu obxecto de estudo a pouco máis dun ano, o que lle permite ir máis ao detalle semanal ou diario do que o fan os outros autores mencionados. Esta decisión trae de seu unha esixencia: ao empezar o relato polo medio —é dicir, sen ir ata 1919 ou 1924— non se pode presentar os protagonistas, así que denantes de afrontar esta lectura sería interesante que os lectores soubesen de figuras moito menos atendidas pola historia e chaves na chegada de Hitler ao poder, caso de Schleicher —sen dúbida, o gran vilán desta obra—, Von Papen ou, en menor medida, o lendario mariscal Hindenburg, heroe alemán na Primeira Guerra Mundial.