Opinión

Polas rúas

mapa

En España e na Galiza estamos afeitos a unha estraña polémica: a que ten que ver cos nomes das rúas. Como é sabido, determinadas forzas políticas e persoas teñen enormes atrancos para asumir a memoria democrática, xa non só española senón europea –fáganme caso, que hai tempo pasei horas e horas na infame rúa dos Caídos de la División Azul, unha división do exército nazi, que se di axiña–. En todos os países hai problemas deste tipo, pero España é dos poucos nos que o asunto forma parte da cousa pública con frecuencia.

Para comprobar que isto é así, nada mellor que botar unha atenta ollada a un dos grandes libros da primavera, El callejero, da autora estadounidense Deirdre Mask, unha análise –como di o subtítulo da obra– do que revelan os nomes das rúas sobre asuntos tan diversos e espiñentos como a identidade, a raza, a riqueza e o poder. Publica Capitán Swing, editorial sempre disposta a dar acubillo a discursos subversivos coma o de Mask. Un pensaría, de primeiras, que o nome das rúas non debería dar para tanta polémica. Ao cabo é un elemento que pode racionalizarse, sobre todo naquelas cidades ou vilas construídas en cuadrícula: puntos cardinais, números e letras –coma en Manhattan–. Cando non hai posibilidade de facer iso posuímos a alternativa da tradición: ao cabo, suponse que os veciños dun sitio saben como se chama este ou outro lugar. 

Pero Mask desmonta isto xa dende un principio con contundencia ao nos sacar do cómodo e racional mundo europeo e nos introducir nos suburbios de Kolkata –a antiga Calcuta–, na India: lugares nos que centos de milleiros de persoas viven en chabolas ou infravivendas de todo tipo e nas que calquera sistema de referencias é relativo... pero nas que aqueles hindús precisan tamén unha dirección, xa que sen ela nin sequera poden acceder aos escasos recursos que pon ao seu dispor a democracia meirande do mundo.

Despois dun paseo histórico interesante mais quizais un chisco especulativo, a autora condúcenos ao centro do asunto e convídanos a reflexionar: como se pon nome a unha rúa? E quen dá nome a unha rúa? As respostas poden semellar obvias, mais non o son. En Occidente son moi frecuentes as rúas que se refiren ao lugar onde rematan –como a Avenida da Coruña en Lugo– ou a calquera elemento paisaxístico minimamente recoñecíbel nalgún momento da historia do lugar –como a Rúa das Hortas en Pontevedra...–, pero, tal e como sinala Mask, isto só serve para un número limitado de vías nun mundo cada vez máis urbanizado.

E, sen que precisemos chegar a un caso tan sonado coma o de España, a autora demostra que en todo o mundo os mapas urbanos reflicten unhas determinadas relacións de poder. O secular control da política por parte dos homes reduce sistematicamente a presenza das mulleres; ter rúa e ser negro en Estados Unidos implica un consenso social moi difícil de acadar, non só polo racismo senón polos medios utilizados no pasado para defender unha causa e que agora poden considerarse inadmisíbeis; os ricos mesmo poden mercar a honra de posuír unha rúa e os poderosos –a pesares das actuais restricións existentes en moitos lugares, por exemplo sobre dedicar espazos a persoas vivas– deixan a súa pegada con ou sen xustiza. 

Non se me ocorre caso mellor no noso país ca o bo de Eugenio Montero Ríos, a quen case ninguén pode situar no tempo e a política, pero si nos mapas, posto que bautizou algunhas das rúas máis importantes das grandes cidades galegas. Todo un exemplo que avala as teses dun libro interesante e de lectura áxil para o verán que comeza.

Comentarios