Opinión

Polos Sete Mares

Hai países absorbidos por un escritor, aínda que non sexan moitos. Pasa con Albania e Ismail Kadaré, ou con Paraguai e Augusto Roa Bastos, ou con Mozambique e Mia Couto. Mais quizais o caso máis particular e inxusto sexa o de Colombia. A este país suramericano non lle faltaban glorias literarias históricas —Jorge Isaacs, José Asunción Silva e José Eustasio Rivera, como pouco, son autores fundamentais do século XIX, o modernismo e a novela de principios do século XX, respectivamente—, pero apareceu García Márquez e eclipsou todo, tanto pasado coma futuro.

Quizais os máis afectados polo estoupido da supernova de Gabo fosen os seus contemporáneos e, en particular, un escritor que, para máis inri, era o seu íntimo amigo. Falamos, loxicamente, de Álvaro Mutis, que ata hai unha semana tiña preto da descatalogación a súa obra mestra, a suma que leva o título de Empresas y tribulaciones de Maqroll el Gaviero. Rescatouna dese perigo o selo DeBolsillo, pertencente a Random House, o que confirma a Mutis coma clásico contemporáneo.

Álvaro Mutis recibiu moitos máis premios que recoñecemento por parte do público. Dúas das novelas de Maqroll venceron os galardóns máis senlleiros da crítica en México e Francia e o Príncipe de Asturias e o Cervantes —1997 e 2001, respectivamente— recoñeceron en España a súa traxectoria. Dez anos despois do seu pasamento, segue a loitar contra un esquecemento que tamén alcanza a outros autores non asociados ao Boom, caso de Julio Ramón Ribeyro ou Reinaldo Arenas —tamén reeditado hai pouco en Tusquets, por certo—.

A lectura atenta da suma maqrolliana explica sen moitos atrancos isto. Inspirado de xeito obvio polos libros de temática mariñeira do prodixioso Joseph Conrad, Mutis fai viaxar aos seus protagonistas polos sete mares ata deterse sempre en América: Ecuador, Colombia, Panamá... En cada porto Maqroll, acompañado polos seus amigos, en particular a triestina Ilona e o esquivo libanés Abdul Bashur, redescubre o amor e o sexo, ancora e naufraga, atopa personaxes de todo tipo dedicados a actividades pouco claras ou directamente delictivas, toca unha terra que non semella ser máis segura có mar e, en resumidas contas, explica a alma humana coas súas afoutezas, feblezas e contradicións.

Disque cando Mutis publicou a primeira novela de Maqroll, La Nieve del Almirante, en 1986, ese mundo de vellas tabernas de mariñeiro e escuros negocios de contrabando aínda existía. Tamén andaban polos portos anciáns que lembraban a súa época dourada. No 2023 as novelas de Maqroll acadaron unha dimensión ben distinta: evocan un universo que xa non existe pero, ao facelo de xeito involuntario, evitan a saudade e a idealización que traen de seu tan decote esas evocacións. Os comportamentos de Maqroll non son moi distintos aos dun protagonista de novela de Pérez Reverte, por exemplo, pero veñen sen a impostura nostálxica deste.

A pesares da lonxitude —as sete novelas suman case que 900 páxinas— e a densidade filosófica que xorde destes temas, o estilo de Mutis imponse sen atrancos. Poeta no fondo da súa alma de escritor —tamén existe unha escolma de versos de Maqroll—, o mestre bogotano foxe do barroco e o artificio de moita prosa hispanoamericana para agasallarnos cunha frase curta e sentenciosa, na que o importante non é o léxico complexo ou propio dos seus países —Colombia, onde naceu, e México, onde viviu— senón a musicalidade e a fondura dos conceptos, que fan avanzar unhas accións sinxelas no exterior e complexas no interior daqueles que as viven, as protagonizan ou, coma nós, as len.

Comentarios