Opinión

Problemas de memoria

En anos despois, o fascismo volve gobernar Italia, non sabemos se como farsa ou como repetición da traxedia do século XX. Pódese disimular o termo, moi desgastado, con outras etiquetas –neofascismo, dereita radical, ultradereita–, mais non se poden agochar as ideas intolerantes, homófobas, racistas e reivindicativas do papel histórico de Benito Mussolini.

Cando ocorren estes feitos en Europa –non é a primeira vez, pensemos nos gobernos de Polonia e Hungría– agroma unha reflexión na sociedade: "Non pode haber tantos fascistas neste países". A realidade é que si pode habelos porque, como demostra Xosé Manoel Núñez Seixas en Volver a Stalingrado. El frente del este en la memoria europea, 1945-2021 (Galaxia Gutenberg), Europa sofre dende hai décadas severos problemas de memoria, particularmente fortes en certos países.

O groso da análise do profesor Núñez Seixas, un dos grandes referentes da historiografía española arestora, dedícase ao caso alemán, con todas as súas particularidades. Hai fondura e unha grande cantidade de referencias intelectuais sobre a mitoloxía da boa Wermacht, unha idea que estivo na base da amnesia colectiva dos anos de posguerra. Para evitar enfrontarse á enormidade dos crimes nazis era cómodo crer que os protagonizaran unidades concretas, para nada representativas do exército ou o pobo alemán. Tamén coñecemos as peculiaridades da lembranza na extinta RDA.

EN ANOS despois, o fascismo volve gobernar Italia, non sabemos se como farsa ou como repetición da traxedia do século XX

Aínda que o libro se redactou hai meses e é froito dunha investigación de anos –case poderiamos dicir que de décadas–, é inevitábel ler as páxinas dedicadas a Rusia e a Fronte Leste cos ollos da actualidade. O resultado, no que respecta ao conflito entre Ucraína e Rusia, non gustará a moitos. O ultranacionalismo de Putin e o seu uso da Grande Guerra Patriótica recibe as correspondentes críticas...., pero non menos que a manipulación da Historia levada a cabo polos nacionalistas ucraínos, que ten a súa grande bandeira no concepto de  Holodomor, a grande fame dos anos 30 provocada pola URSS. Á marxe disto, son dramáticas as historias de morte e destrución da cidade que é centro do relato.

Para os seguidores do autor, o capítulo dedicado a España é perfectamente prescindíbel: xa dedicou Núñez Seixas outro libro magnífico ao asunto, con base nas memorias de Kovalevski, un ruso branco que estivo na División Azul. Moito máis interesantes son os dedicados a Italia –moi poucos dos seus soldados regresaron da fronte rusa– e Finlandia, país ao que se lle ten perdoado en Occidente o colaboracionismo polo seu progresismo actual e pola directa (e fracasada) invasión do país que levou a cabo a URSS. Para máis detalles sobre isto, mellor a literatura da finesa Sofi Oksanen; habería que engadir.

Como vimos de ver, a memoria antifascista debería ser un lugar de encontro e, no canto diso, é todo o contrario: un espazo de enfrontamento. E Núñez Seixas dá as chaves disto: por unha banda, a apropiación de parte destes discursos por líderes autoritarios (Putin, Orban) e fascistas do século XXI; por outra, a dura realidade histórica: Europa escolleu a paz dende 1945 e, para levala a cabo, agochou baixo unha enorme alfombra o que os tenros avoíños alemáns –e italianos, e franceses, e polacos...– fixeran en Stalingrado, Oradour ou Auschwitz. É un fenómeno ben coñecido en España, onde moitos franquistas se ergueron un día demócratas e monárquicos. O grande problema é que as pantasmas comezan a saír de debaixo da alfombra e ameazan a convivencia das sociedades e os discursos políticos e historiográficos.

Comentarios