martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Que é unha novela?

A PREGUNTA formulada no título deste artigo leva de cranio aos teóricos e críticos literarios dende hai séculos e non a imos responder nuns poucos centos de palabras… aínda que quizais si podamos responder unha moi parecida: "Que non é unha novela?"

Vén ao caso o asunto pola lectura dun dos libros máis publicitados do outono literario, Un verdor terrible, de Benjamín Labatut, un escritor chileno —en realidade cosmopolita, xa que naceu nos Países Baixos e viviu xa en varios países a pesares de non pasar dos corenta anos—. Preséntase a obra dentro da colección Narrativas Hispánicas, de Anagrama… e unha narración é: o que non está nada claro é que sexa unha novela e moito menos unha valiosa.

A narración, como ben saben mesmo os meus estudantes de secundaria, pode aparecer dentro dunha canción, un artigo de prensa ou unha conversa informal. Só se precisa que haxa un narrador e uns personaxes que protagonicen unhas accións nun tempo e espazo concretos. A novela engade a todo isto algo básico: a ficción. Ou, para sermos máis precisos, o establecemento dun pacto entre escritor e lector segundo o cal o contido na novela queda fóra dos límites da realidade obxectiva. Escusarán que lle levemos a contra a John Banville, comentarista da obra no Reino Unido, que a bautizou como unha grande "novela non ficcional", toda unha contradición nos termos.

Os xogos con este pacto ficcional son continuos dende hai séculos e os autores camiñan no gume da navalla… e ás veces rematan por se cortar. É o que lle ocorre a Labatut, quen honradamente o recoñece ao final do seu libro: os primeiros capítulos son ensaios sobre historia da ciencia e así teñen que se ler. Polo menos hai que recoñecer a habilidade do autor para a escolla dunha historia dramática, a de Fritz Haber: descubridor do xeito de obter amoníaco a partir do aire —algo que salvou a vida de millóns de persoas ao permitir a invención dos abonos artificiais—, pero tamén líder da guerra biolóxica alemá e, de feito, director do primeiro ataque con gas da historia, en Ypres durante a Primeira Guerra Mundial. A súa dona, ao descubrir o papel de Haber na guerra, pediulle que desertase e, cando se negou, ela se suicidou.

Na primeira historia ao contido científico súmanse as influencias de Thomas Mann —o intelectual enfermo, o sanatorio, a namorada tísica— e dun decadentismo valleinclaniano

Nos seguintes capítulos, máis ou menos co mesmo contido ficcional, ou sexa, nulo, desfilan outros científicos de vidas interesantes, en particular o matemático Alexander Grothendieck, visionario convertido nunha especie de anarquista, que procurou o corazón mesmo dos números e cuxas conxecturas aínda estar por investigar agás para outro matemático tan excéntrico coma el ou máis, o xaponés Shinichi Mochizuki, quen inventou un novo tipo de matemáticas, un que, segundo algúns colegas, semella chegado do futuro.

O cambio de ton e o verdadeiro produto novelesco atópase no desenlace, dedicado a unha morbosa historia de amor entre Erwin Schrödinger e a filla adolescente do médico que dirixe o sanatorio no que o físico se atopa para superar a tuberculose e a un epílogo ben interesante. Na primeira historia ao contido científico súmanse as influencias de Thomas Mann —o intelectual enfermo, o sanatorio, a namorada tísica— e dun decadentismo valleinclaniano para os peninsulares e quiroguiano para os lectores do Cono Sur. No final da obra, un xardineiro informa ao narrador da morte dos limoeiros, que producen un froito exuberante xusto antes da fin: ata o lector máis despistado pode seguir o paralelismo entre a ciencia e algunhas das súas excrecencias no século XX retratado por Labatut, un século que, en palabras do poeta irlandés Yeats, estivo marcado por unha "terríbel beleza" que aparece aquí en forma de narración.

Que é unha novela?
Comentarios