Opinión

Que facemos con isto?

Busto

Gústame pensar que van facer comigo cando morra. Co que quede de min, quero dicir, a vulgar materia. En realidade non ten ningún sentido, pois estou convencido de que non estarei a mirar dende ningún ceo ou inferno, pero é algo que proporciona sensación de control ou que lle dá certo significado a falecer. Gustaríame que me despedisen como a Graham Chapman, o protagonista de A vida de Brian, cun monólogo cómico, e quero incineración.

Isto da cremación xa non só é unha cuestión de preferencias, senón tamén de previsión social: somos moitos e non hai sitio para todos, cos nosos cadaleitos e tumbas verticais. Chega un intre no que xa non as familias senón os alcaldes e alcaldesas teñen que se preguntar Que facemos con todo isto? Non ocorre só na nosa época, por moito estoupido demográfico que haxa, como demostra Peter Ross en Una tumba con vistas, libro gañador de diversos premios prestixiosos de ensaio en Gran Bretaña e que agora trae a España Capitán Swing.

Ross, coma case todos os escritores das Illas, é moi british. Non agarden aquí unha perspectiva cosmopolita, con visitas ao famoso Padre Lachaise de París ou descricións dos rituais en Benarés. Como se resolva o problema de enterrar na China ou no Xapón non é relevante para o autor, escocés por máis sinais. Bardante isto, e aínda que un non coñeza nada daquelas terras, a obra déixase ler porque o autor ten habilidade para a anécdota e polo feito indiscutíbel de que a morte une a todos. Ademais, e imposíbel negar que Peter Ross ten unha grande habilidade para tirar do fío dos camposantos para facer historia ou retratar aos vivos e ás súas sociedades. 

O mellor exemplo disto ocorre na súa visita ao cemiterio de Milltown, en Belfast, que acolle nunha parcela especial e pechada aos caídos pola patria de Irlanda, noutras palabras, os membros do Ira finados en atentados terroristas ou nas famosas folgas de fame levadas a cabo nos tempos de Margaret Thatcher. É en momentos coma eses cando comprobamos que, en realidade, tal e como dicía Jorge Manrique, que nas tumbas atopamos só esqueletos e non mortos, pois quen posúe a fama —entre aspas, nada que ver o concepto medieval co actual—, en realidade, non finou.

Se nos cinguimos simplemente ao tema do libro quizais os dous episodios máis interesantes sexan os dedicados a Highgate e á funeraria Taslim. O primeiro é o cemiterio máis famoso de Londres, en boa medida porque nel se atopa Karl Marx —e xa saben que, como di un bo amigo historiador, "cada un ten que estar no seu sitio e Marx no de todos"—; o segundo é o negocio mortuorio máis importante do Londres musulmán, o que non é pouco dicir, e abre a porta a unha problemática presente alá e futura aquí. Dado o carácter da inmigración á Galiza, formada en xeral por mozos e mozas, ninguén tivo que se preocupar demasiado de rituais alleos á nosa cultura... pero é obvio que isto ocorrerá co paso das décadas e o lector pode obter valiosos coñecementos sobre os costumes doutros lugares e outras fes.

No medio dos grandes capítulos atopamos, por último, pinceladas impresionistas dedicadas a pequenos lugares e persoas insignificantes, graos na area do enorme reloxo da historia. Non debería pasar por riba deles o lector, aínda que sexan apenas contos sen moita explicación, pois son quizais as historias máis humanas e estrañas dunha obra de divulgación peculiar, non apta para aprehensivos mais si para todos aqueles curiosos do Reino Unido e Irlanda e os seus costumes seculares.

Comentarios