Que non veña o meteorito

Dinosario /AEP

Non sei exactamente, xa que non son especialista na materia, por que en España triunfou Andrés Calamaro e non Charly García: cando era novo Calamaro parecíame o bo... e agora opino xusto o contrario. Sobre todo porque Charly ten a sempre desexábel virtude de estar no lado correcto da historia. Por exemplo, cando en 1983 publicou no seu álbum ‘Clics modernos’ aquilo de que “los dinosaurios van a desaparecer”. A canción, obviamente, non ía sobre os lagartos terríbeis do Cretácico senón sobre os milicos que, á súa vez, facían desaparecer xente antes de desaparecer eles mesmos.

Velaquí o nivel de infiltración dos dinosauros na cultura popular xa dende hai décadas, un interese que non fixo máis que medrar, primeiro cos sucesivos filmes dunha coñecida franquía de Hollywood e agora coas miles de canles que se dedican á divulgación. Mesmo se espallou como frase feita nas redes sociais iso de “Que veña o meteorito canto antes”, aínda que é ben sabido que o que destruíu por completo a aqueles animais xigantescos –en xeral– foi un asteroide.

Máis en concreto, tratouse dun asteroide de máis de once quilómetros de longo que se esnafrou na costa norte da península de Iucatán hai uns 66 millóns de anos e provocou un cráter de máis de oitenta quilómetros de diámetro, pode que aínda máis, pois as pescudas baixo o mar non tiveron aínda a precisión das feitas en superficie. Provocou a quinta extinción masiva no planeta Terra e os seus efectos duran ata hoxe. Podemos atopar todos estes datos e moitos máis en ‘Los últimos días de los dinosaurios’, obra da xornalista e paleontóloga afeccionada estadounidense –non teño claro que significa isto último, pero ben– Riley Black, que publica Capitán Swing.

Supoñemos que a Black non lle tería dado moito traballo desprazarse a México para facer pescudas de campo no lugar do impacto, mais decidiu non facelo e quedar máis preto da súa casa, concretamente no xacemento de Hell Creek, no estado de Montana, un lugar caracterizado pola súa enorme superficie e a diversidade de restos que alí se levan atopado nas últimas décadas. Con centro nesa formación xeolóxica reconstrúe usando os recursos da narración divulgativa –moi afastados, xa que logo, das convencións do artigo científico– as derradeiras horas dos dinosauros na Terra.

O seu traballo é necesariamente creativo e imaxinativo. Non agarden atopar aquí asisados estudos sobre este ou aquel animal nin complexas hipóteses sostidas a través de paleobioloxía ou paleoclimatoloxía. Riley Black, levada por unha paixón infantil que partilla con milleiros de persoas arredor de todo o mundo e que explica no final do seu libro, procesou todos estes complexos documentos para os lectores non especializados e converteunos nun relato entretido, con toques de novela, sobre o estado de Hell Creek antes do estoupido, as diferentes especies que poboaban o lugar, como debeu ocorrer o estoupido e a desaparición do ecosistema –cunha interesante excursión astronómica para comentar de onde puido vir o asteroide en cuestión e por que o iridio é chave en toda esta historia– e como se produciu o reemprazo por outras especies, entre outros os mamíferos que continuarían a grande cadea do ser.

Para crer que todo isto foi certo e se produciu deste xeito hai que lle botar imaxinación, como fixo Black para crear a súa obra. Agora, a ver se non vén o meteorito –nin o asteroide– pero si que desaparecen os dinosauros, xa que estamos por pedir.