martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Referencia

ESCRIBIR un libro que sexa unha referencia incuestionábel en calquera terreo do coñecemento debe de ser algo dunha enorme complexidade. Non fai falla pasar pola experiencia para sabelo.

No caso do noso eido, a Historia da Literatura, supón anos e anos de lecturas, relecturas, escritura de críticas xornalísticas, libros e artigos ata poder sintetizar miles de páxinas de información nun só manual que sirva o mesmo para grandes especialistas que para afeccionados interesados no tema.

Por un proceso moi semellante a este tivo que pasar Ángel L. Prieto de Paula, salmantino, catedrático da universidade de Alacante e crítico literario en El País ata dar a luz La poesía española de la II República a la Transición, unha obra que está a destinada a se converter no faro que guíe o estudo da lírica española nas vindeiras décadas. Editan as prensas da propia universidade, asunto relevante xa que a distribución pode demorarse e imaxinamos que a tirada non será ampla.

O primeiro que hai que sinalar é que os límites enunciados no título apenas se respectan. Dado que case que todos os poetas do 27 prolongaron a súa actividade e influencia e dado que os —poucos— poetas que podemos identificar coa actualidade comezaron a escribir na Transición, o libro resulta ser na práctica un manual da lírica española do século XX cun par de excepcións senlleiras —Lorca e Machado, por suposto—.

Durante as máis de oitocentas páxinas Prieto de Paula non ten unha soa caída de ton. Nada escapa do seu ollo crítico e pluma afiada. A súa capacidade de síntese, tan necesaria nunha obra deste tipo, é asombrosa: practicamente ningún movemento o autor supera as dez páxinas de espazo e en ningún caso poderiamos sinalar que a información é insuficiente. Para facelo, mestura a literatura xa existente coas súas propias consideracións. O único pecado que lle poderiamos cargar é a ausencia dunha bibliografía que necesariamente ten que ter sido moi ampla e que, por non cargar en exceso o volume, quizais podería resolverse en liña.

Especial valor ten un aspecto da súa obra: a historiografía das poetisas. Vivimos un tempo complexo neste aspecto: hai que recoñecer o valor da literatura escrita polas mulleres e ignorada en moitas ocasións por un sistema masculinizado sen caer na perigosa trampa de que esa escolla sexa artificial. Isto ocorre, na miña opinión, por exemplo, coas  Sinsombrero, as mulleres do 27, cuxa poesía non acada a calidade ou a influencia dos seus homólogos masculinos. Porén, polas páxinas de Prieto de Paula desfilan nun lugar axeitado e apoiado en moi sólidos argumentos mulleres coma Carmen Conde ou Alfonsa de la Torre, ademais das máis coñecidas ou populares Ana María Moix ou Gloria Fuertes.

Prieto de Paula fai unha obra definitiva sobre a poesía española,

Tamén nesta liña de certo heterodoxa atopamos outros dous trazos dignos de sinalar: o respecto á importancia das linguas periféricas para o desenvolvemento da lírica en castelán —con exemplos coma os dos Setze Jutges en Catalunya ou a poesía social galega— e a claridade en canto ás posicións políticas e éticas dos autores e a súa presenza na súa obra. Isto é de especial relevancia ao principio da obra, cando se fala de poetas de obra apreciábel e unha filiación política que os levou a apoiar a ditadura franquista e, nalgunhas ocasións, aos mesmos nazis.

En definitiva, como xa fixeran Martínez Cachero coa novela e Ruíz Ramón co teatro, Prieto de Paula fai unha obra definitiva sobre a poesía española, que só perderá vixencia cando, por desgraza, caia na foxa dos libros esgotados e se converta en alfaia de libraría de vello. Namentres, non podemos facer menos ca gozar dela e acompañar a súa lectura coa dos poetas e as poetisas nela recollidos.

Referencia
Comentarios