lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

As relixións en Oriente

HAI UNHAS semanas a comunidade educativa, da que formo parte como profesor e pai, víase sorprendida polo anuncio de que a Igrexa Católica propuña un novo currículo para a materia que ten na Secundaria. Suponse que se trata dunha proposta progresista... pero iso non contenta aos que nos opoñemos á presenza de toda confesión no eido educativo. Teremos que agardar á enésima reforma para que apareza unha materia de Historia das Relixións de tipo non confesional.

HAI UNHAS semanas a comunidade educativa, da que formo parte como profesor e pai, víase sorprendida polo anuncio de que a Igrexa Católica propuña un novo currículo para a materia que ten na Secundaria. Suponse que se trata dunha proposta progresista... pero iso non contenta aos que nos opoñemos á presenza de toda confesión no eido educativo. Teremos que agardar á enésima reforma para que apareza unha materia de Historia das Relixións de tipo non confesional.

Namentres agardamos e non, sempre podemos recomendar ao alumnado que teña intereses e aos adultos que temos preto libros sobre o fenómeno relixioso. Por exemplo, a recente publicación de Chantal Maillard, Las venas del dragón, en Galaxia Gutenberg sobre tres das grandes relixións orientais: o confucianismo, o taoísmo e o budismo. Queda fóra o hinduísmo, de carácter esencialmente distinto a pesares da proximidade xeográfica e que conta tamén con boas introducións en lingua española, por certo.

A situación das tres fes arestora é ben distinta; pero, como afirma na contraportada a autora bruxelesa e residente en España,  en poucas ocasións coma esta ten sido tan evidente a necesidade de cambiar a nosa forma de nos relacionar coa espiritualidade e a natureza. E as tres relixións de oriente poderían ter, se se toman os seus principios, unha utilidade nese sentido: o confucianismo e a súa idea di bo goberno, o taoísmo e a súa defensa da harmonía co que nos rodea e a fonda comprensión da nosa natureza que propoñen as principais vías do budismo.
Dito todo isto, existe unha lagoa no libro de Maillard. Trátase dunha exposición das ideas fundacionais destas relixións cunha vocación utilitaria, aínda que coa conciencia de que esta proposta ten moito de utópico. O burato vén cando pensamos que calquera das tres naceu hai milenios xa e esas propostas iniciais teñen unha validez cuestionábel.

Isto resulta moi evidente no caso do confucianismo. Relixión secular en China e baluarte espiritual para as clases gobernantes, a mesma Maillard recoñece nas liñas finais do capítulo a el dedicado que os seguidores do mestre Kongfuzi non seguiron o seu exemplo de modestia e moderación senón que optaron polo conservadorismo, polo que o «amor ao estudo» do sabio rematou convertido en asfixia das liberdades.

A influencia do budismo na arte e o pensamento occidental nas últimas décadas contrasta poderosamente co xenocidio cometido no nome desta relixión

Tampouco sae ben librado o budismo, se o pensamos. A súa influencia na arte e o pensamento occidental nas últimas décadas contrasta poderosamente co xenocidio cometido no nome desta relixión contra os rohingya, grupo étnico de relixión musulmá que ocupaba unha parte de Myammar, a antiga Birmania, e foi expulsado cara a Bangla Desh. Se a isto sumamos a trivialización de moitas das súas ideas —eses libros sobre o zen e o baloncesto ou as motocicletas—, é difícil ver no budismo esa solución.

Consciente quizais desas dificultades pecha Chantal Maillard o seu libro cun capítulo sobre «a estética como sabedoría», na que describe as distintas manifestacións artísticas asociadas a estes credos. É de longo a parte máis sólida do libro, unha conclusión que axuda a ver como a espiritualidade deixou o terreo do abstracto e entrou nas sociedades baixo a forma da arte relixiosa.

Dito isto, é moi dubidoso que o continuo entre o vivo e o inerte que, segundo a autora, caracteriza estes modos de pensar vaia substituír o antropocentrismo ou poda facer máis sabio ao ser humano da postmodernidade. Non tería por que ocorrer se pensamos que os practicantes destas relixións non se levan amosado máis sabios e bondadosos dende hai unha morea de séculos.

As relixións en Oriente
Comentarios