Opinión

Revolución (aínda)

Hai unas semanas meu fillo enfermou no medio dunha das librerías máis grandes de toda España, así que houbo que saír ás présas para un hospital. En tal situación, e coa perspectiva de pasar dous ou tres días metido nun cuarto, tiña trinta segundos para escoller unha obra que me acompañase moitas horas.

Por casualidade caeron os meus ollos en Revolución. Una historia intelectual e non houbo dúbidas do acerto. A sinatura xa era un atractivo poderoso: Enzo Traverso, italiano do Piamonte, é un dos historiadores máis respectados en todo o mundo hai décadas e os seus libros ofrecen a maxia de mesturar as reflexións históricas cunha análise cultural de moito maior alcance. A presenza de Akal como editora española ofrecía, ademais, unha garantía: a súa colección Reverso. Historia Crítica ten acollido nos últimos anos algúns dos mellores ensaios do mercado hispánico.

Poderíase dicir que Revolución é un libro de Historia -con maiúsculas-, mais penso que iso non faría xustiza porque queda curto. Estamos máis ben ante unha obra imprescindíbel de Historia Comparada da Cultura, ou de análise de temas que atravesan a partir da historia os máis diversos terreos culturais. O centro, por suposto se falamos de Traverso e do concepto mesmo de revolución, atópase en Karl Marx –tan asoballado o pobre nos últimos tempos nas batallas culturais que monta a ultradereita española– e en Lev Trotski.

Dende Marx e o convencemento de que as grandes conquistas sociais non se acadan, por desgraza, mediante a cesión voluntaria de quen ostenta o poder, senón por algún tipo de revolución, parten distintos eixos temáticos. O primeiro é a figura da máquina e máis en concreto o tren, a locomotora das ideas. Continúase co papel do corpo e a memoria dentro da construción dun pensamento alternativo. E, case que por último, temos unha análise de que significou e que significa sen un intelectual revolucionario.

Polo resumo que vimos de facer entenderase, por fin, o obxectivo de Traverso: non facer literatura revolucionaria de panfleto, senón usar as imaxes que resultaron da revolución para, nun movemento dialéctico de síntese, botar luz sobre un concepto constantemente manipulado –sobre todo polos inimigos do progreso, como é lóxico–. O premio do autor é presentar unha historia das revolucións e asemade do comunismo mesmo sen caer na idealización e fuxir –polo menos en parte– dalgunhas polémicas resultantes do interesado manexo do concepto dende o agromar do neoliberalismo a principios dos anos 80.

A crítica de Revolución non podería estar completa se non sinalásemos que se trata dun libro para iniciados. A pesares dos esforzos de Traverso, traducidos nunha prosa precisa, magnífica e de gran fluidez e nun apartado gráfico moi coidado e atractivo, o libro cae de cheo no terreo do que ultimamente deu en chamarse alta divulgación –unha presentación atractiva dos casos sen renunciar a elementos propios da literatura académica como as notas eruditas a rodapé, os índices onomásticos ou os conceptos de grande complexidade que se dan por sobreentendidos–.

Non lles recomendo que se encerren cun enfermo e máis Enzo Traverso durante corenta e oito horas, sería mellor que puidesen evitalo. Mais se non queda outro remedio, atoparán un escrito lúcido, que destrúe a mitoloxía negativa asociada ao revolucionario nos nosos tempos para substituíla por unha serie de imaxes poderosas e non menos arraigadas na cultura occidental, aínda que ignoradas por moitos e interesadamente ocultadas por poucos. Xa saben vostedes que iso desafiar a autoridade cada día está menos de moda.

Comentarios