Revolucións 'Culturais'
NON SEI onde estaban todos vostedes hai uns oito anos, no verán de 2017, pero lembro perfectamente onde me atopaba eu: a piques de opositar para profesor en Pontevedra. Cando andaba neses asuntos prefería traerlles a esta columna libros que non falasen moito de lingua e literatura, polo que estaba aínda máis centrado que de costume na Historia. E alá andaba pola Boa Vila co segundo volume da triloxía do historiador neerlandés Frank Dikötter sobre a historia de China no século XX, dedicado á Grande Fame que seguiu ao Grande Salto Adiante. Nada menos que oito anos tardaron Dikötter e a editorial que o publica en España, Acantilado, en completar o seu fresco monumental co derradeiro tomo, dedicado á Revolución Cultural —con este sinxelo título preséntase a obra—.
Dikötter enfróntase neste ensaio histórico a un acontecemento que supuxo a definitiva saída de China cara o mundo, como ben sabemos os lectores de poesía galega. Falaba Ferrín nos setenta de Mao e as súas fazañas como nadador. Aparecían por España, Francia, Alemaña... grupos maoístas como a Baader-Meinhof. O que eles non podían saber, nin podían comprender naqueles intres, era que estaban a asistir ao episodio final dunha traxedia que comezara a metade dos sesenta e que, sen ir máis lonxe, levara a centos de miles de mestres e poetas coma o mesmo Ferrín a facer regos e terrazas nos enormes campos do xigante asiático.
Namentres os dous volumes anteriores da triloxía do investigador neerlandés presentaban certos atrancos na fluidez do relato, por estaren compostos a partir de testemuños de sobreviventes que enchían os enormes ocos do crebacabezas que, aínda hoxe e pola falla de fontes directas que agocha o goberno chinés, supoñen o intento de industrialización forzosa e a fame que este ocasionou, este aproveita un relato histórico máis ou menos consolidado para gañar en narratividade. Dito doutro xeito, é un volume de lectura relativamente sinxela a pouco que un coñeza os persoeiros implicados na traxedia.
E é que esta revolución só foi cultural de nome —agás que desexemos levar o concepto de cultura aínda máis lonxe das orquestras ou as filloas de sangue—: polo demais, foi estritamente política. Apenas uns meses despois de que se nomease a Brezhnev máximo dirixente da Unión Soviética —para rematar co revisionismo de Kruschev— e se puidesen constatar os fracasos das anteriores operacións políticas na mesma China, Mao e o seu ministro de Defensa, Lin Piao, recorreron á mocidade, criada xa nun réxime que se instaurara en 1949, para depurar o goberno, o exército e o mesmo Partido Comunista chinés de elementos contrarrevolucionarios, intelectuais e burocráticos—todo isto entre aspas, claro, xa que os conceptos estaban deliberadamente pervertidos—. O pequeno símbolo do movemento foi o Libro vermello, que aínda se pode mercar sen atrancos, en versión enfrontada inglés-chinés, polas rúas de Beijing, e que condensa o pensamento do presidente Mao.
Dikötter non se desvía, nin falla lle fai, deste relato, máis ou menos compartido por moitos historiadores contemporáneos. Os seus méritos son dous en esencia: o primeiro, desfacer o novelo de revolucións e contrarrevolucións propostas por Mao e distintos dirixentes importantes naqueles intres pero ignorados dende entón; e dar voz, tanto con traballo documental como con entrevistas, a persoas que viviron as violencias extremas daqueles anos, o que humaniza o seu relato e axuda a explicar o suceso en perspectiva —sobre todo, se temos en conta a posición de China na xeopolítica actual—. É por isto que nos atopamos perante unha das grandes obras de ensaio que se publicarán en España neste 2025.