Opinión

O sabor da liberdade

Aínda que haxa negacionistas do feito histórico, a Revolución Francesa transformou a política europea –e mundial– para sempre
'A liberdade guiando o pobo' /AEP
photo_camera 'A liberdade guiando o pobo' /AEP

Ocorre que esa transformación non chegou sen resistencia por parte das forzas da reacción, algo que adoita esquecerse: a resistencia a Napoleón –pénsese na Guerra da Independencia española–, o Congreso de Viena, a Revolución de 1830... Porén, algo ten o sabor da verdadeira liberdade, posto que quen o proba nunca regresa por completo á escravitude ou a submisión. 

E despois de 1830, coa Liberdade a guiar o pobo tal e como pintou Delacroix, chegou 1848, quizais o acontecemento máis complexo e por veces incoherente dun século XIX cheo deles. Para aclarar o panorama, con antecedentes tan gloriosos coma o de Eric Hobsbawm dispoñíbeis para o grande público, chega ás librarías españolas Primavera revolucionaria, a análise que Christopher Clark fai do nacemento dun novo mundo que chega ata nós. Non é preciso estenderse no currículo de Clark, actualmente quizais o máis prestixioso historiador británico e coñecido en toda Europa polo magnífico Sonámbulos, ensaio sobre o proceso que levou ao estoupido da Primeira Guerra Mundial.

O certo é que Clark non innova sobre o acontecemento en si, xa que isto semella arestora imposíbel: mesmo os historiadores ultramontanos –nacidos, precisamente, a partir dos sucesos de 1848– recoñecen a existencia de tres forzas básicas, que viñan xa de París en 1789: o liberalismo que pretendía a transformación interna dos Estados e a abolición do absolutismo, o nacionalismo que procuraba modificar as fronteiras e o socialismo –que agromaba agora con moita más forza despois de dúas derrotas xa e que demandaba a mellora das condicións do proletariado–. Nestes asuntos Clark destaca pola súa capacidade narrativa e de síntese, que fai un libro entretido e relativamente sinxelo de ler a pesares dos continuos cambios de escenario e dos personaxes decote descoñecidos para o público español –xa que, outra volta, 1848 apenas se sentiu en España–.

Si é posíbel abrir novas perspectivas en certos aspectos e Clark guíndase a iso coa súa perspicacia habitual. Non pode haber xa libro serio de historia que ignore a contribución das mulleres á mesma e este non podía ser a excepción, máis se temos en conta que o mellor libro contemporáneo sobre as revolucións de 1848 veu da man de Marie d'Agoult, unha condesa francesa máis coñecida na historia da música por ser a parella de Franz Liszt e a nai de Cosima Wagner. Tampouco debe haber libros sobre historia de Europa que descoñezan os efectos dos acontecementos que ocorrían no Vello Continente nas colonias, algunhas delas situadas no outro extremo do mundo. Cumpre Clark os dous obxectivos con solvencia.

Máis dúbidas, ou quizais a única, deixa un epílogo que tenta trazar paralelos entre as protestas de 1848 e algunhas actuais, nomeadamente o asalto ao Capitolio dos Estados Unidos ou o movemento dos Chalecos Amarelos en Francia. Clark leva sostido posicións liberais europeas dende hai décadas e non remata de entender un como pode escoitar ecos dunha revolta social que pretendía derrubar o absolutismo e usaba palabras como 'liberdade' ou ‘constitución’ no seu recto sentido na invasión dun parlamento democrático e na perversión deses mesmos conceptos, xogo perigoso ao que se dedica a dereita mundial dende hai tempo. Haberá que pensar que ata o mellor escriba mete unha gralla e quedar con que Clark deixa unha nova mestra que trae ás librarías un acontecemento do que, en maior ou menor medida, todos somos fillos políticos.

Comentarios