Sen conspiración
Hai libros que posúen unha vida editorial cando menos curiosa, relacionada con elementos que nada teñen que ver co literario. Foi o que ocorreu no caso do libro que traemos esta semana á columna, ‘Las élites que dominan España’, do profesor universitario e analista do sistema democrático español Andrés Villena e publicado por Libros del K.O. —que suma un segundo éxito en poucos meses no terreo do ensaio, despois dos recoñecementos ao libro de Arturo Lezcano sobre a emigración galega a América—. A primeira edición esgotouse a tal velocidade que a editorial tivo ata atrancos para subministrar de novo ás librarías. Foi a mestura de dous factores: unha oportuna entrevista na televisión —que segue a ter o seu poder de convocatoria— e o xa citado título, que evoca un tópico do discurso público actual: a presenza dunha escura elite que, dende gabinetes e pazos aos que os simples mortais non temos acceso, dirixe os países de costas á xente.
A realidade do libro de Villena é moito máis prosaica: non hai nada de conspiración e si unha análise histórica, política e sociolóxica da evolución de España dende 1939. Para que precisamos de contubernios entre millonarios ou protocolos escuros se podemos recorrer á dinámica habitual dunha democracia e á aínda máis habitual dunha ditadura, sistema de goberno baseado en esencia no autoritario e no nepotismo?
Andrés Villena recupera neste ensaio unha liña argumental que foi popular hai unha década co ascenso de Podemos e caeu agora en desgraza, manipulada polos partidos de extrema dereita, que están conectados á elite citada no título mais seguen a se presentar —con éxito— como partidos antisistema. A tese é coñecida: a ditadura franquista creou un par de castes de dirixentes —primeiro, os colaboradores do réxime; despois, os chamados ‘tecnócratas’— e a Transición deixounos exactamente onde estaban, en parte por convición, en parte porque —como ocorreu noutros moitos países durante as convulsións do século XX— era imposíbel substituír en poucos anos a maior parte da burocracia dun estado do tamaño do español. Así, co paso do tempo, España atopou fenómenos curiosos, coma o de que importantes persoeiros dedicados á economía nun partido socialista —aquí precisaría maiúsculas— tivesen sido activos colaboradores dunha ditadura fascista.
O libro ten, na nosa opinión, un fallo estrutural de importancia. O profesor Villena opta por unha organización cronolóxica e isto leva a que moitas informacións se repitan en distintos capítulos. De feito, nalgúns casos nótase mesmo a falla da man do editor para lle lembrar ao escritor que xa falou de tal ou cal cousa é non se precisa repetir a información, senón dirixir ao lector —mediante nota ou referencia interna— onde estaba ese dato unhas páxinas atrás.
E isto resulta curioso porque Villena encabeza o seu libro cun diagrama que ofrecía unha alternativa marabillosa: a de deixar un chisco á marxe os xefes de estado e goberno, e mergullarse en personaxes que, cando miras ese mapa, estiveron no centro da cuestión: Carlos Solchaga, Eugenio Espinosa de los Monteros, Miguel Ángel Rodríguez, López de Letona... A elite asociada ás portas xiratorias, os que nunca perden goberne quen goberne e posúen un poder case que omnímodo. Isto, na nosa opinión, redondearía un ensaio que, non obstante, resulta salientábel, rigoroso e escrito cunha prosa áxil, conectada en ocasións coa da prensa periódica, o que explica en boa medida o éxito inicial que obtivo.