Sós
Por fortuna nos últimos anos no ensino dei cunha boa cantidade de futuras filólogas, primeiro alumnas e agora, co paso do tempo, xa amigas. Todas partillan comigo a paixón da lectura e a todas lles fixen a mesma pregunta cando me falaron da súa vocación: como te levas coa soidade? Porque cando un é un verdadeiro amante dos libros, a soidade é a mellor compañeira, algo que un adolescente non adoita ver á primeira. Un pode ir ao cinema, ver series, bailar ou tomar algo en solitario... pero tamén en parella ou en grupo. Porén, a lectura é individual e solitaria e non pode ser doutro xeito.
Como especialista en estar só cun libro gocei moito da lectura de Una historia de la soledad. Del eremita a la nueva soltera, de Sabine Melchior-Bonnet. O orixinal francés, publicado polas famosas Prensas Universitarias Francesas, encádrase no xénero do ensaio, a medio camiño entre o filosófico e o literario, entre a divulgación e o especializado. Publica en español Cuatro Lunas, selo da editora galega Kalandraka —cunha máis que correcta tradución de Olalla García, pero certos erros de maquetación ou títulos estraños nun grupo editorial tan experimentado coma o pontevedrés—.
Tal e como informa o subtítulo, a obra realiza un percorrido cultural polo sentimento de soidade nas persoas. Aínda que podería comezar pola Antigüidade Clásica —de feito, o primeiro personaxe que atopamos é Filoctetes, aquel personaxe grego abandonado nunha illa por ter unha ferida infectada e berrar moito—, Melchior-Bonnet decide iniciar o seu relato pola Idade Media, o que a achega tanto aos estudos sobre a vida privada da Escola de Annales como a unha perspectiva inevitabelmente relixiosa, pois é difícil comprender a nosa visión do asunto sen recorrer tanto aos eremitas como, de xeito aínda presente nas nosas sociedades, ás monxas e, en menor medida, monxes.
O resto da obra procede cun percorrido temporal ata os nosos días, interrompido por unha serie de perfís de persoeiros históricos que constitúen o mellor da obra: Petrarca a atoparse a si mesmo escalando o Mont Ventoux, as contradicións entre a filosofía e a vida persoal de Rousseau –tan cruamente recollidas nas imprescindíbeis Confesións– e, por suposto, o santo patrón de todos os intelectuais solitarios, Michel de Montaigne. Non se precisa dicir que, por ser un manual universitario francés, o libro toma como referencia a cultura do país veciño e que se un carece dunha sempre interesante francofilia pode atopar certas dificultades para seguir certos asuntos.
Malia o valioso percorrido histórico, interesa que os lectores cheguen ata o final da obra. Alí atoparán as melloras pezas de crítica literaria da autora –Pirandello, Camus, Ionesco– e tamén unha análise breve mais atinada da situación actual. O diagnóstico non é novidoso: en nome dunha falsa idea de creatividade, a sociedade –francesa e mundial– posterior a 1968 derrubou as institucións de todo tipo que daban prioridade ao colectivo fronte a liberdade individual e a incorporación das novas tecnoloxías creou un mundo paralelo que Melchior-Bonnet, con todo acerto na nosa opinión, remata por definir como o da soidade interactiva. Si, seguimos a formar unha comunidade... pero é unha comunidade de solitarios. O problema ao que non se dá solución é como regresar a unha sociedade máis sa, que equilibre o grupo e o individuo.