Temperamentos

Revolución Francesa. EP

Se hai que escoller un acontecemento que marque a historia contemporánea universal este aínda segue a ser a Revolución Francesa. Non me fagan caso a min, senón a todos os profesores universitarios de Historia que hai polo mundo adiante. De feito, e como estamos a comprobar nestas últimas semanas, aínda hai políticos que non superaron o triunfo das ideas revolucionarias —lembremos: Liberdade, Igualdade e Fraternidade, así, en maiúsculas— e, con pequenas derrotas como a aceptación do sufraxio universal, seguen a tratar de devolver as nosas sociedades a un mundo de despotismo, dominio da relixión e negación da ciencia. Outros, máis sibilinos, manipulan eses conceptos para corrompelos e mesmo se presentan como ‘revolucionarios’ cando o que fan é defender os poderosos e os seus privilexios.

Escribir algo novo sobre a Revolución Francesa é algo francamente complicado, pero sempre hai alguén que completa o desafío. É o caso do veterano —camiño dos 87 anos, nada menos— historiador estadounidense Robert Darnton, profesor xubilado de dúas das mellores universidades do mundo, Harvard e Princeton, quen vén de publicar en español coa editorial Taurus ‘El temperamento revolucionario’, un relato sobre como se coceu esta revolución en París —principalmente, pero tamén noutros lugares de Francia como Grenoble, Bretaña ou Rennes— ata estoupar en 1789.

Unha das chaves da orixinalidade do libro é, precisamente, o lapso temporal que abrangue. Tense escrito e interpretado moito sobre o período que vai de 1789 a 1794... e os historiadores progresistas, como é o caso de Darnton, sempre atopan a dificultade de se enfrontar co pecado orixinal revolucionario: o feito de que o primeiro goberno rexido por principios ilustrados e liberais rematou no xacobinismo e no paso pola guillotina de miles de persoas, polo tanto coa primeira traizón aos seus mesmos principios.

A segunda chave de orixinalidade, que ademais contribúe a que o libro sexa especialmente lexíbel para o non especialista, ten que ver co uso dun enorme volume de documentación popular da época. No canto de se centrar en bibliografía ou en autores famosos coma Voltaire, Sieyes ou os fisiócratas, opta Darnton por un exercicio de microhistoria ou historia popular, para o que utiliza documentos menos convencionais pero que explican á perfección o estado de ánimo das masas nas décadas anteriores ao suceso: cancións, xornais, panfletos e mesmo libelos.

O que non cambian, en esencia, son os protagonistas. Si, certo é que neste libro vemos en moita maior medida ao pobo de París, pero non faltan os personaxes clásicos do relato: Necker, ministro de Economía tan eficiente como desprezado; Luís XV e Luís XVI, dous pusilánimes inconscientes; as amantes do primeiro, algunha delas saída directamente do bordel; María Antonieta, odiada dende o primeiro día por pertencer ao tradicional inimigo austríaco; Voltaire, quen de escribir as maiores ironías e de manipular calquera caso que favorecese os seus propósitos.

Con todas estas pezas compón Robert Darnton un crebacabezas entretido e que consegue algo moi complicado: describir como, co paso das décadas, se creou unha conciencia revolucionaria namentres se quentaba o ambiente sen caer na perigosa trampa de facer un relato teleolóxico, é dicir, unha historia fóra do tempo na que todos os sucesos levasen a unha conclusión predeterminada. Porque a Revolución Francesa produciuse nun tempo e dun xeito, pero o historiador que se centra nas causas, como é o caso, sabe que puido ocorrer doutras maneiras, noutros intres e mesmo con outros protagonistas.