lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

Tentando á sorte

undefined

A PESARES de ser un ateo, materialista e racionalista gardo para min unha incoherencia: son unha persoa supersticiosa. Non son o único con estes trazos. Se analizo a miña conduta, ten máis que ver coa seguridade que outorga repetir certas rutinas en certos intres ca cunha crenza nunha intervención externa de calquera tipo nos acontecementos. Xa mellorei: cando me dedicaba ao baloncesto chegaba a extremos abondo extravagantes.

Lembrei as miñas experiencias ao caer nas miñas mans a Breve historia de la superstición de Stuart Vyse, libriño de peto da imprescindíbel colección homónima da editorial Alianza, tradución dunha das moi populares introducións que publican no mundo anglosaxón as prensas da Universidade de Oxford. Con estes datos externos pode adiviñar o lector que non estamos perante un libro pouco serio ou unha magufada, senón ante unha pescuda relixiosa e histórica relevante aínda que trate un asunto un chisco estraño.

O punto de partida de Vyse son persoas como a que isto escribe. Se o mundo actual está rexido pola ciencia, e isto ocorre en particular en mundos coma o académico ou o intelectual, por que sobreviven crenzas supersticiosas de todo tipo? De feito, por que ás xa tradicionais se teñen sumado recentemente outras novas? E que papel xoga a superstición na conspiranoia ou no terraplanismo, dous sucesos que teñen atacado á Ilustración nos últimos anos?

Vyse ofrece unha resposta relativamente sinxela e amena a todo isto. A superstición sobrevive en boa medida grazas a unha longa historia que el ilustra: as crenzas relacionadas coa maxia de imitación ou contaxio, a introdución de elementos sincréticos nas relixións monoteístas organizadas e a secularización, traducida en acontecementos xa máis coñecidos como ás queimas de meigas no ecuador da Idade Moderna.

En canto ao individual, existen esencialmente tres tipos de persoas. As criadas nun contorno racionalista dende a infancia e que rexeitan todo tipo de crenza irracional; as que, por distintas razóns, son racionalistas, pero de cando en vez ceden a instintos supersticiosos, e, por último, as firmes crentes no valor actual da superstición de todo tipo, incluída aquela máis conectada coa relixión.

Negar o valor da ciencia ou banalizalo  só pode conducir a unha vida peor en todos os aspectos.

Aquí é onde moitos lectores comezaran a se remover incómodos no seu lugar de lectura, xa que Vyse non chega a acordos de compromiso. A ciencia e o humanismo levaron as nosas sociedades a un nivel de benestar e paz descoñecidos na Historia, tal e como ten demostrado por extenso o prestixioso Steven Pinker. Negar o valor da ciencia ou banalizalo –como fan aqueles que consideran o coñecemento científico e o seu método como novas relixións– só pode conducir a unha vida peor en todos os aspectos.

Entran aquí en xogo para el os antigos antivacinas -os de novo cuño non quedan cubertos na súa irracionalidade- e os negacionistas do cambio climático. O seu perigo é sinxelo de ver. A superstición resulta ser dogmática namentres que a ciencia non o é... e os dogmáticos están a chegar a postos de enorme poder en diversos países –nomeadamente os Estados Unidos durante a presidencia de Donald Trump–, dende os que poden actuar para impoñer as súas ideas absurdas. Que teñan público para as súas parvadas, en opinión de Vyse, debe facer reflexionar sobre a educación e o coñecemento nesas sociedades e o risco de que un descenso aínda maior do nivel nestes dous conceptos faga que todos regresemos aos brutais modos do pasado. Usando o refrán –eis onde sobreviven moitos trazos do antigo–, mellor será que non tentemos á sorte.

Tentando á sorte
Comentarios