Truhán

Julio Iglesias. AEP

Como neno dos 80, Julio Iglesias é un personaxe imprescindible na miña biografía. Na súa, benquerido lector, supoño que tamén, década arriba, década abaixo. No meu caso, as baixadas ao cole seguen a sonar na miña cabeza a Crazy —tardei anos en saber de Patsy Cline— and When you tell me that you love me, a dúo con Vanessa Williams, que vai ti saber agora quen é e onde para. A televisión, máis cómica e convencional, faime lembrar a Tricicle facendo o primeiro corte de mangas que os nosos pais nos deixaban imitar. 

Pero agora eu son maior e Julio, un ancián; e se un fai referencias a el entre adolescentes ten que definilo coma o tipo ese que sae nos memes de "… y lo sabes", o cal é unha inxustiza histórica. Para reparala, un chisco cando menos, chega El español que enamoró al mundo de Ignacio Peyró, en Libros del Asteroide, un intento de biografía canónica aínda que, por suposto, non autorizada. Se autorizada for teriamos que tratala como haxiografía ou vida de santo, xa que non cremos que o famoso cantante permitise outra cousa.

Peyró semella un escritor acaído para o asunto. Os máis vellos lectores desta columna quizais lembren que pasou por ela con Pompa y circunstancia, un magnífico dicionario persoal sobre Gran Bretaña no que amosaba o seu humor británico, a súa pluma afiada e unha posición ideolóxica conservadora pero ilustrada. Durante estes anos avanzou o autor ata se situar como unha das principais plumas do xornalismo hispánico e membro importante do Instituto Cervantes en distintas sedes. 

Precisamos esta biografía do autor porque nesta obra quedamos preto do xénero do ensaio, co seu compoñente persoal, e lonxe da biografía aséptica –documentada e histórica–, máis propia do mundo estadounidense. Peyró elixe como división estándar a viñeta, cunha estensión entre as dúas e catro páxinas. É un acerto: elimina incómodos períodos de seca vital e profesional do artista e nela loce a escrita xornalística e irónica do biógrafo. Porén, no limbo quedan posíbeis e interesantes explicacións sobre os motivos do cantante para tomar esta ou aquela decisión ou entrevistas con protagonistas da súa vida que, quizais, arroxasen luz sobre os seus aspectos máis descoñecidos –sobre todo, de cara aos máis novos–.

Dito todo o anterior, se un debe ler unha biografía de Julio Iglesias non é polas súas lembranzas de infancia ou adolescencia, nin polo bo facer de Peyró... senón polo carisma do persoeiro. Non sei se Julio Iglesias, como di o título, namorou o mundo... pero si que a súa vida dá para catro ou cinco libros coma este: fillo do seu pai, porteiro do Real Madrid xuvenil, case morto na mocidade –por un accidente e un tumor, non relacionados entre si–, cantante de éxito nacional, marido da muller máis guapa de España –e Filipinas, supoño–, cantante de éxito internacional, lenda sexual... e todo isto antes dos corenta. Dende aí, discreto señor millonario que, de cando en vez, facía un disco e, despois, pai de Enrique Iglesias –persoalmente, creo que é o único que lle podo botar en cara–.

Cunha vida así o difícil é seleccionar os grandes momentos. Con acerto faino Ignacio Peyró para conseguir un libro redondo, de lectura sinxela e evocadora dunha España que ou xa non existe ou se atopa en vías de desaparición, que recoñece a grandeza do cantante e tamén as súas miserias, sen esaxerar ata a náusea no primeiro e sen enzoufarse na crónica rosa no segundo.