Un chimpo perigoso

Donald Trump reza /AEP

Supoño que non lles descubro ren se afirmo que coa pandemia da covid-19 e o encerro do que nestes días se están a cumprir seis anos algúns dos nosos conxéneres perderon un parafuso, mesmo pode que dous ou tres. De seguro que se lles ocorren exemplos de famosos, como algún que outro cantante moi coñecido. E outros máis inmediatos, como ese veciño ou familiar que coa boca pequena, os días que hai festa, aínda deixa caer que ben, que vai ti saber se todo iso non foi un invento dos chineses ou do malvado presidente do Goberno.

O problema real non son os cantantes ou estes veciños cuñados e un pouco atorrantes, senón aquelas persoas que deron un perigoso chimpo e pasaron de soster inocuas teorías sobre a relixión e o funcionamento do mundo a defender conspiracións e paranoias —habilmente mesturadas no termo ‘conspiranoia’— que poden ser ameazas para a saúde pública e, polo tanto, custar vidas. Ben, sexamos sinceros: o verdadeiro problema é que algunhas desas persoas gobernan o mundo da man de Donald Trump e no canto de arranxar crises están a crealas namentres lle rezan a non sei que deus no Despacho Oval e denantes de saír pola porta e recomendarlle á xente que non tome paracetamol porque provoca autismo ou que beban lixivia para curar non sei que mal.

As pacíficas teorías do que no mundo anglosaxón se coñece como a New Age teñen involucionado no século XXI até se converter nun problema de orde mundial, tal e como amosan Derek Bebes, Matthew Remski e Julian Walker en ‘Conspiritualidad’, ensaio editado en España por Capitán Swing no que afondan sobre a súa vida e sobre como da espiritualidade se pasou a unha paranoia delirante... e economicamente moi rendíbel.

Os tres autores partillan unha serie de experiencias ás que se refiren por extenso no libro. Procedentes de Estados Unidos, entraron no mundo do ioga e as pseudociencias en California e viviron nel durante as últimas décadas —de feito, seguen a estar conectados con el—. Por isto tomaron contacto con distintas persoas que transformaron os seus inocentes grupos de ‘ayurveda’, ‘movemento’, ‘psicoloxía somática’ e demais contos en verdadeiras seitas. Ao chegar a covid-19, estas seitas mudaron e pasaron a defender nos Estados Unidos a existencia dunha conspiración mundial secreta para controlar a poboación a través dunha vacina xenocida ou que incluía elementos que permite o control dos individuos. Como quen isto escribe está vacinado e vivo supoño que, en aplicación de tales teorías, deberiamos deducir que este artigo está a ser escrito en realidade por algún malvado goberno, quizais o chinés. Vaia vostede a saber.

Ao longo de centos de páxinas desfilan diante dos nosos asombrados ollos de lector as máis incríbeis teorías, algunhas máis coñecidas —os arquivos de Epstein deron ás a aqueles que pensan que existe unha conspiración mundial de millonarios para secuestrar e explotar sexualmente a menores de idade—, outras un chisco menos –—Joe Rogan non conta, afortunadamente, en España con moitos seguidores que beban unha tintura para curar enfermidades–— e outras que aínda están por chegar —déanlles tempo—, como as relacionadas cos alieníxenas que traen enfermidades. Esgota un chisco ao lector ler tanta tolemia, mais cun chisco de paciencia un consegue lembrar ao cabo o bonito que é manterse fiel á ciencia normal e o pensamento ilustrado, costumes cada vez menos frecuentes.