Opinión

Un pasado sucio

QUIZÁIS UN XORNAL non sexa o lugar máis acaído para afirmar o que imos dicir agora mesmo, mais alá imos: ás veces as entrevistas de promoción non fan favor ningún aos autores que as realizan.

Non ten que ser culpa dos xornalistas —non todas as persoas teñen a particular habilidade de saber ser entrevistado—, pero adoito éo por unha sinxela razón: o xornalista procura o titular que cre máis interesante en función da liña editorial do medio ou calquera outra razón, e este non ten por que coincidir co que o escritor considera máis relevante. Convén ter en conta, non obstante, que autor, editorial e xornalista decote teñen funcións e puntos de vista diverxentes, sen moito en común entre si.

Como lector e crítico penso que isto ocorreu coa promoción do último libro do profesor Álvarez Junco, ¿Qué hacer con un pasado sucio?, publicado por Galaxia Gutenberg. Se un le o que se publicou sobre el, ás veces en forma de mensaxes nas redes sociais, difundidos unha e outra vez sexan ou non precisos ou correctos, crerá que o autor segue ideas próximas ás dun Andrés Trapiello —quen xa pasou por estas mesmas páxinas—, as desa autodenominada Terceira España que sería herdeira dos liberais que se exiliaron despois da Guerra Civil e que, en realidade, involucionou a un nacionalismo español de nova feitura que propón a superación polo esquecemento.

Nada máis lonxe da realidade e é unha mágoa para o autor. O seu estudo é un paso imprescindíbel para que o Estado español se reconcilie co que el mesmo, con ousadía, chama un pasado sucio. En primeiro lugar ofrece un repaso sintético da historia e a historiografía de España dende os mesmos inicios. Os compendios do primeiro son frecuentes, non tanto os do segundo –autores coma Lafuente, Mariana ou mesmo Américo Castro e Claudio Sánchez Albornoz son relativamente ignorados polo grande público–. O resultado deste resumo é un panorama que demostra que os criterios usados para facer Historia en España foron case que sempre acientíficos e mesmo contraditorios —pénsese na incapacidade de explicar coma os gloriosos visigodos se derrubaron axiña fronte aos soldados do islam no 711—.

Álvarez Junco gaba as leis de Memoria Histórica dos gobernos do PSOE, analiza de xeito crítico a Transición e recoñece como algo intolerábel que, case que un século despois, continúen nas gabias ducias de milleiros de persoa


En segundo lugar proporciona a definición e a análise de certos conceptos que se confunden con frecuencia: memoria e historia, xustiza e reparación. Contra o que desexaría boa parte do nacionalismo español se atendemos aos seus discursos públicos, Álvarez Junco gaba as leis de Memoria Histórica dos gobernos do PSOE, analiza de xeito crítico a Transición —semella que isto non é patrimonio de comunistas e nacionalistas—e recoñece como algo intolerábel que, case que un século despois, continúen nas gabias ducias de milleiros de persoas. Mesmo chega a afirmar que foi un grave erro que non se realizasen nos oitenta procesos contra personaxes vivos da ditadura franquista, algo que despois non foi posíbel por un simple imperativo biolóxico.

Hai outras cuestións, sobre todo na análise da República, coas que o lector informado pode non estar de acordo. Por exemplo, é incoherente sinalar que os problemas de España a principios do século XX tiñan que ver coa propiedade da terra, a relixión e a falla de dereitos e igualdade entre cidadáns e culpar á República de crear inestabilidade... xusto por querer resolvelos, como establece o mesmo Álvarez Junco. Mais asuntos coma este son pecados menores que se fan ‘pro bono’, por un ben maior: o da auténtica reconciliación entre os habitantes dun país que semella cada vez máis dividido. É por isto que o traballo deste catedrático é imprescindíbel e inxustas certas imaxes xeradas arredor del nestas semanas.

Comentarios