Un portal en Belén
ÁS VECES precísase tirar de tópicos: xa lles anticipo que este vai ser outro deses artigos de xornal que tiran liñas paralelas entre a historia cristiá destas festas e o que ocorre hai décadas nas terras de Palestina. Así que, coma sempre, son libres de virar a páxina e procurar a prosa vizosa dun Fran Ferreiro, un Gago ou un Rozas e fuxir así da idea preconcibida. Mais, se quedan, poderán gozar dunha recomendación alternativa.
Como ben saben vostedes, Belén non existe: en realidade hai unha localidade que se chama Beit Lahem que se atopa en Cisxordania e que, polo tanto, leva a sufrir dende hai case que un século unha guerra continua provocada polo conflito entre israelís e palestinos. Agora Xosé e María, supoñemos, chamaranse Marwan e Hajar e o seu fillo non será Xesús, senón Ahmed ou Amina. Ao mellor non están en Beit Lahem senón en Rafah ou Gaza —ou, por mellor dicir, no que queda deses lugares—.
Libros sobre o que ocorre en Palestina dende a Declaración Balfour, na que os británicos, con todo o seu papo, dispuñan dun territorio que non era seu e no que apenas vivían europeos, hai moitos, pero poucos —case que ningún nun idioma europeo— de máis calidade que Vecinos y enemigos de Ian Black. Por desgraza, o autor non gozará do éxito da edición española en Península, posto que finou hai case que dous anos a causa dunha enfermidade dexenerativa, sen ver tampouco o novo capítulo da historia, aberto o 7 de outubro de 2023 cos ataques de Hamas e dende aí coas terríbeis represalias do goberno de Israel.
Facer historia sobre Israel e Palestina é un desafío do que moi poucos podían saír indemnes tal e como fai Black. Existen dúas narrativas enfrontadas, dous fíos que hai que trenzar sen esquecer en ningún intre o compás moral que debe guiar o relato cando se fala de dereitos humanos e milleiros de persoas asasinadas, fóra e dentro do territorio. O autor non consegue a obxectividade, isto é imposíbel –a obra tende a defender, como a da maioría de intelectuais europeos, solucións pro palestinas–, pero si a imparcialidade, o que gañou ao libro comentarios positivos tamén entre os historiadores israelís de mentalidade menos nacionalista.
O lector pode entender por que existiu a conciliación intelectual entre os bandos se bota unha ollada só ás primeiras páxinas dun tomo que supera as 700 sen notas e índices: estilo áxil, explicacións accesíbeis sen renunciar á complexidade da situación, recurso a fontes documentais, entrevistas e testemuños para os asuntos contemporáneos, exposición de distintos puntos de vista acompañada dunha síntese na que se expresa adoito cal é a realidade do asunto fóra da propaganda.
Só podemos poñer unha tacha ao que facilmente se podería cualificar como obra de referencia sobre un conflito de permanente actualidade: non é obra para leigos. Cen anos e un mínimo de sete guerras –se incluímos a Segunda Guerra Mundial– e dúas intifadas dan para unha cantidade enorme de datas e nomes, nunha xeografía física, política e humana descoñecida para moitas lectoras galegas. Polo tanto quizais sexa oportuno para moitas persoas comezar con obras introdutorias ou capítulos de libros sobre Historia Universal e despois chimpar cara a este, un libro que marca o relato dos cen primeiros anos de conflito e que, por desgraza, terá que agardar anos por un sucesor no que podamos ler visións históricas sobre os crimes de guerra e contra a humanidade que dende hai meses teñen lugar en Gaza.