viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Unha vela ao demo

O ensaio 'Con la Biblia y la Parabellum' amosa con acerto a complexidade das relacións entre Igrexa e terrorismo vascos

.
.

HAN ESCUSAR que por segunda semana consecutiva comecemos por falar de política. Ao pouco de rematar a noite electoral das Xerais apareceron mensaxes de políticos de distinto signo que lamentaban o feito de que EH Bildu, o partido que representa á esquerda abertzale en Euskadi, sacase varios escanos.

En particular resultaba escandaloso para eles que un candidato dese partido arrebatase o lugar a Javier Maroto, nada menos que o xefe de campaña do Partido Popular e candidato por Vitoria, quen cargara contra o rival nun debate de xeito moi contundente. 

Para moitos isto era unha mostra da corrupción moral —ou algo así— que reina en Euskadi. Para outros demostra que é moi posíbel que o discurso que recibimos no resto de España sobre o ocorrido nas últimas décadas teña unhas enormes fendas, algo que xa tivemos ocasión de comentar algúns co gallo do éxito de Patria de Aramburu, novela que por certo vén de quedar polo chan nunha crítica dunha publicación tan pouco sospeitosa como o The New York Times.

Que a violencia en Euskadi —como a do Ulster ou a das Brigadas Vermellas en Italia— tiña unhas características de seu é algo que se pode apreciar en Con la Biblia y la Parabellum, ensaio do xornalista Pedro Ontoso, publicado pola editorial Península. O autor é especialista nas relacións entre relixión e política, e a cada chanzo que sube na escada da súa pescuda podemos apreciar o seu fondo coñecemento dos acontecementos que narra, tanto por terse relacionado con moitos dos protagonistas —abundan os testemuños de primeira man, algún deles inéditos ou que cambian o que se sabía sobre certos delictos— como por ter feito un traballo exhaustivo de lectura e consulta de documentos, moitos deles pertencentes a institucións de Roma, o centro da cristiandade.

De todos é sabido que Euskadi é unha nación cun forte substrato católico: vasco era Ignacio de Loiola e estritamente católico Sabino Arana, o grande ideólogo do nacionalismo racial de finais do século XIX. Non resulta por tanto estraño dende a óptica actual o feito de que cando estoupou un conflito entre España e Euskadi a Igrexa tivera un papel no mesmo. Ou por mellor dicir, varios papeis, como ben se encarga de demostrar Ontoso. Iso si, despois dunhas primeiras cen páxinas moi densas e prescindíbeis.

No último día do febreiro pasado morreu Xabier Arzalluz. Dende principios dos 90 perseguiuno unha frase que tamén se pode aplicar ao clero vasco segundo a análise do autor: "Uns moven a árbore e outros recollen as noces". Os sacerdotes euskalduns tiñan a vela que lles correspondía posta ante Deus... e outra ante o Demo, neste caso un nacionalismo que transgredía o mandamento máis elemental: non matarás.

En realidade, como demostra Ontoso a realidade é moito máis complexa. Quizais ao pesar do autor, pois en ningún intre se analizan as posicións políticas dos cregos que defenderon ás forzas de seguridade do Estado e que, polas descricións feitas, non semellan afastarse demasiado do franquismo. Os tempos nos que se move o relato eran convulsos no seo da mesma Igrexa, que nos 60 tendía a respectar os dereitos colectivos dos pobos sempre que o que se puidese crear fose un estado que actuase consonte aos principios da Santa Sé. Por outra banda, os cregos de Euskadi sabían ben dos crimes do bando nacional durante a guerra e do forte significado que tiña para o pobo a prohibición da cultura en euskera.

Era unha situación complexa, con centos de matices que Ontoso nos amosa nun texto ben escrito, cunha tese clara, pero que non desbota case que ningún argumento. Ensaios coma este, que foxen da simplificación, precísanse tanto en Euskadi coma no resto do Estado coa fin de construír un relato do ocorrido que amose unha coherencia superior ao que, aos feitos hai que remitirse, se está a impoñer arestora.

Unha vela ao demo
Comentarios