Opinión

Uns países ordenados

Unha vantaxe de ler novela é aprender Historia de xeito máis entretido. Un pode saber de Haití, poñamos, a través do magnífico ensaio Os xacobinos negros, pero probabelmente resulte máis divertido facelo a través de O reino deste mundo, de Alejo Carpentier. E despois de sabido o básico, pode un mergullarse nos detalles.
Tulipán

Detrás das moi coñecidas Os tres mosqueteiros e O conde de Montecristo escribiu Alexandre Dumas O tulipán negro, que se desenvolve nos Países Baixos —máis coñecidos como Holanda por moitos—. Non lles vou destripar o final, mais si o principio, marcado polo tremendo asasinato dos irmáns de Witt por se opoñer aos oranxistas, un acto de barbarie insólito nunha nación tradicionalmente moderada no político. Os tulipáns teñen un papel importante non só nesta novela ou na imaxe tradicional dos holandeses senón tamén na historia do capitalismo: protagonizaron a primeira burbulla coñecida, cando na década de 1630 a xente do común chegou a vender o máis básico para mercar bulbos para logo revendelos a prezo de ouro —até que se acabaron os compradores, claro está—.

Grazas a Dumas puido este crítico gozar da lectura de Pioneros del capitalismo, unha historia económica dos Países Baixos dende o ano 1000 ao 1800 escrita por dous profesores neerlandeses, Maarten Prak e Jan Luiten van Zanden. Publica Pasado & Presente, unha editorial que ofrece sempre reflexións sobre o pasado aplicábeis ao presente, aínda que dun tempo a esta parte teña reducido o seu volume de publicacións.

A pesares de que se trate dun ensaio ben escrito e ben traducido, temos que facer unha precisión inicial: estamos perante unha obra pertencente ao sempre esixente subxénero do ensaio de historia económica. Que os autores sexan hábiles narradores é un mérito a recoñecer, mais non sempre conseguen establecer o fío narrativo e, cando si o conseguen, o lector profano poderá aínda atopar dificultades para manexar certos conceptos.

Ao éxito desta narración de feitos que poden ser complexos para un lector español que descoñeza a xeografía, a historia ou a sociedade neerlandesas contribúe un final tan teledirixido como positivo: Prak e Van Zanden non escriben un relato descritivo de final aberto senón unha explicación retrospectiva do éxito dos Países Baixos. Por que unha terra facilmente inundábel, de clima pouco favorecedor en principio e sometida durante centos de anos ao dominio estranxeiro e á violencia se converteu nun dos países máis prósperos do mundo? Polo capitalismo, responden os autores.

En esencia, sosteñen, os Países Baixos foron ordenados dende o principio. Na Idade Media non padeceron o retrógrado feudalismo, senón unhas relacións máis horizontais; cando a peste negra, o descenso da poboación provocou unha mellor asignación dos recursos; na época dos descubrimentos xogaron o seu papel colonizador, mais fixérono de xeito relativamente avanzado coa estrutura empresarial da famosa VOC, a Compañía Unida das Indias Orientais; uníronse á Reforma protestante, o que conectou ética, relixión e capitalismo; e, finalmente, crearon dende vello institucións que permitisen desenvolver o liberalismo cando este chegou.

Do resumo que vimos de facer podería deducir o lector que Prak e Van Zanden son alleos a asuntos de plena actualidade no relato histórico, en particular os que teñen que ver coa explotación das poboacións do Terceiro Mundo, neste caso as indonesias. Nada máis lonxe da realidade: a pesares de que polo carácter técnico poderían ter evitado o asunto, completan o seu relato cunha visión obxectiva das vantaxes da colonización, que non ten cor na descrición, pero tampouco nega que un dos alicerces do progreso neerlandés, coma do español ou do inglés, estivo no maltrato aos indíxenas e o espolio das súas riquezas.

Comentarios