Utopías fracasadas

Oso de Salcedo. ARQUIVO

NOS ÚLTIMOS MESES un bo amigo que anda no mel nos Ancares tivo uns desagradábeis encontros cos osos que, por fortuna, volven andar pola montaña. Estes plantígrados son uns animais que xeran en xente coma min simpatía natural –quen non tivo un precioso osiño cando era un pícaro?–, pero un non se imaxina facendo vida cotiá con eles preto. Por fortuna, se nalgún momento a poboación de osos ameazase as persoas ou propiedades de calquera tipo dos meus veciños, as autoridades procurarían poñer couto a tal desfeita.

Pois ben, para unha morea de xente en diversos lugares do planeta, en particular nos Estados Unidos, e máis despois do triunfo electoral de Donald Trump, tal actuación do goberno –nacional, autonómico ou local– consideraríase unha perigosa mostra de comunismo, algo só posíbel cando o estado se mete na vida dos individuos de xeito intolerábel. Se cren que a afirmación precedente é unha hipérbole, convídoos a ler a novidade máis traxicómica da temporada de inverno no ensaio en español: Un libertario se encuentra con un oso, de Matthew Hongoltz-Hetling, en Capitán Swing.

O punto de partida é tan absurdo coma poda parecerlle a calquera lector, de aí o carácter esencialmente cómico do relato. New Hampshire, un dos estados máis cativos dos USA, coñecido ademais polo seu tradicional respecto pola liberdade do individuo –por exemplo, nel non existe un imposto sobre a renda–. Dentro del, Grafton, unha pequena localidade duns 3.000 habitantes. E no concello de Grafton, unha morea de extravagantes señores que propoñen montar unha utopía libertaria: facer desaparecer calquera tipo de influencia gobernamental do lugar.

Como Grafton é unha comunidade cativa os devanditos señores non teñen demasiados atrancos para parasitar o concello e comezar a eliminar o que consideran dispendios: corpo de bombeiros, biblioteca municipal, conservación de estradas, axentes forestais ou recollida de lixo. E a combinación destes dous últimos elementos foi desastrosa, xa que en New Hampshire hai osos. Moitos osos. E os bichos son espelidos, polo que se os humanos non recollen o lixo eles aproveitan para obter comida con facilidade dos contedores. O resto pódeno imaxinar ou, mellor aínda, lelo na obra de Hongoltz-Hetling.

Mais o libro que traemos esta semana ten unha mensaxe que vai moito máis alá da anécdota. Un día Homer Simpson, ese gran filósofo da posmodernidade, dixo "En teoría, ata o comunismo funciona, Lisa. En teoría". O caso é que o comunismo nas pequenas comunidades, como teñen demostrado dende o cristianismo ata David Graeber, si funciona. O que non funciona, nin nas grandes nin nas pequenas comunidades, é o culto extremo á liberdade. Os simpáticos libertarios de Grafton, por exemplo, incluían dentro do seu peculiar concepto de liberdade a legalidade do tráfico de drogas e órganos, a non escolarización dos estudantes e o sexo con menores de idade. E, por suposto, a posesión de todo tipo de armas e a caza furtiva –penalizada, iso si, polo goberno estatal e federal, que non andaba con andrómenas–. 'Quen precisa un servizo de medio rural preventivo cando pode ter un Kalashnikov?', debían preguntar para si esas luminarias.

A utopía de Grafton foi un xigantesco fracaso, pero xa saben como continúa ou remata este contiño. Xente coma esa atópase arestora aos mandos dos Estados Unidos e tratan de impoñer o seu peculiar concepto de liberdade –moi restrinxido, como xa comentamos hai unhas semanas ao analizar o magnífico ensaio sobre o tema de Timothy Snyder– non só na Unión senón en Europa e tamén en España. E xa sabemos como remata a historia. Polo menos, na Galiza, non nos paparán os osos.